Pensamento e Sementeira avanza a súa programación cultural “Primavera 2015”.
O colectivo sinala que “despois de clausurarmos o ciclo de Cine árabe para o mundo, desta volta dedicado a Palestina, na sesión do vindeiro mércores, 11 de marzo, onde se proxectarán o documental Shooting, Muhammad de Francesco Cannito e Luca Casani (Italia, 2009) e a curtametraxe palestiniana Shwesh, Suez de Riyad Deis, o colectivo inicia a programación cultural “Primavera 2015” o 27 de marzo organizando un concerto coa cantante Uxía Senlle no Teatro Pastor Díaz”.
Desde Pensamento e Sementeira explican que “tamén o cine seguirá formando parte desta nova programación. Para o novo ciclo contaremos coa colaboración da Casa Checa de Madrid para proxectar en abril varias películas representativas do cine checo desde os anos sesenta até o 2000”.
“O sábado 18 de abril, Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela especializado en deseño e desenvolvemento de medios dixitais e en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia, e Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio intervirán nun acto público para achegarnos ás historias do mosteiro da illa Coelleira e da vila asulagada de Estabañón”, engaden desde Pensamento e Sementeira.
Para o mes de maio o colectivo está a preparar exposicións e charlas informativas, en colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. A exposición Embarcacións tradicionais do arco ártabro, Ortegal e Mariña de Lugo abrirá unhas xornadas dedicadas á difusión do patrimonio marítimo e fluvial galego onde contarán coa testemuña viva de carpinteiros de ribeira.