Teatro do Morcego chega o vindeiro domingo, 1 de marzo, a Ribadeo coa obra "Misterio Cómico".

Teatro do Morcego chega o vindeiro domingo, 1 de marzo, a Ribadeo coa obra "Misterio Cómico".
 
Teatro do Morcego volve cunha nova versión de “Misterio cómico” ou orixinalmente misterio bufo, co que vén de  recibir o premio Fetega (Festival de Teatro Galego do Carballiño)  2014 ao mellor actor. Tendo acadado tamén dous premios Compostela no ano 92 ao mellor actor para Celso Parada e mellor director para o portugués Júlio Cardoso, e volve con motivo de celebra-lo XXV aniversario da fundación da compañía, creada en 1988 como Morcego Escola de Teatro e no 1989 como cia profesional.
Escrito na súa primeira versión en 1969, continuamente representado e modificado en función da resposta do  público, “Misterio bufo” está considerado xunto con “Morte accidental dun anarquista” a obra máis importante de DarÍo Fo. Deste xeito, “Misterio bufo” a carón de  “Morte accidental dun anarquista” , é o texto de Fo máis representado practicamente en tódolos  países e linguas do mundo, e, ao mesmo tempo, o máis odiado e combatido desde as altas instancias vaticanas. 
Fo quere contar a verdadeira historia, a do pobo, a que foi sempre marxinada pola cultura oficial, manipuladora e hipócrita. Indignado pola terxiversación que os popes culturais fixeron deste feito  como doutros temas, reivindica o verdadeiro coñecemento dun elemento esencial da cultura italiana, como é a súa tradición oral e escrita de teatro popular. 
De feito di: “Mais que un longo paso cara atrás, dei un salto mortal ao revés, no sentido de que evitei rastrear as orixes con actitude de arqueólogo. Procurei tamén o medieval que asoma en Moliere e na Comedia da Arte, en toda esa riqueza o que estes comediantes fixeron da lección medieval de entreter ao público”. Nas introducións ás diversas escenas da obra, Fo deixa moi clara a diferenza entre a cultura aristocrática, elitista e allea á realidade, e a extraordinaria forza comunicativa desa cultura popular que en toda a súa vida de autor, actor, director, de artista comprometido na fin, non se ten cansado de invocar, reivindicar e reinventar para falar de temas do noso  tempo. 
A representación terá lugar o 1 de marzo no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:30 horas. O prezo das entradas: xeral 4 euros e reducidas 2 euros.