Ribadeo acollerá o primeiro festival de música rock, o Sonrock, os días 17 e 18 de xuño. O evento foi presentado este mediodía polos concelleiros de Cultura e Mocidade, Farruco Graña e Vanesa Yanes, e o técnico municipal de Cultura, David Díaz.
Díaz explicou que “o Sonrock pretende facer un chamamento á mocidade e, en xeral, a todos e todas as seguidores deste xénero musical. Para isto vaise apostar por dous grupos consagrados como Raiba e Machina ao tempo que se contará con dous grupos ligados á Mariña como Enxebre e Oh Ayatollah!”.
O técnico de Cultura dixo que “Raiba, formada no 2009, é hoxe unha das bandas máis representativas do novo metal galego con influencias do punk e o hardcore. Neste 2016 presentan o seu terceiro traballo, Historias na Pel, que están a presentar por toda Galiza. Machina, pódese definir como un grupo que se move entre o metal, hardcore, punk e outras tendencias. Teñen publicados dous discos e dous EP, o máis recente, que nos van presentar en Ribadeo, chamado A síndrome de Nerón. Oh Ayatollah! chegan desde Compostela aínda que presenta unha clara presenza mariñá con dous integrantes burelaos. O grupo, nado recentemente, a finais de 2015, tende ao pop-rock e reciben influencias de grupos como Los Planetas ou The Strokes. Agora mesmo están a presentar o seu EP, Cancións por se non te quere xa, por diferentes localidades do país. Enxebre, acabada de nacer, vén representar o rock ribadense. Tamén cunha base de metal, rock e sobre todo, hardcore, tocará un conxunto de temas propios que van formar proximamente o novo cd neste seu primeiro concerto”.
David Díaz engadiu que “este festival, que procura a chegada de amantes do rock de toda Galicia, vaise realizar en dous días, o venres 17 e o sábado 18 de xuño. Os concertos darán comezo arredor das 22:30 horas e rematarán pasada xa a media noite. Neste ambiente que temos de proximidade de verán, animamos a todas as persoas a se achegaren ao Parque de San Francisco para desfrutar do rock galego da man deste abano de grupos ben rico e diverso. En caso de choiva, o festival levarase ao teatro. A entrada será libre e agardamos un ambiente festivo nunha primeira edición que ten como obxectivo continuar un camiño nos próximos anos para se asentar e se converter en referente musical dos festivais do norte galego”.
A concelleira de Mociedade, Vanesa Yanes fixo un chamamento “á toda a mocidade de Ribadeo e a toda A Mariña para vir o 17 e 18 de xuño a pasar un bo rato e escoitar música de calidade. Animádevos todos a vir eses días e espero que vos guste xa que é o primeiro festival”. E Farruco Graña, o concelleiro de Cultura, sinalou que “desde Ribadeo queremos animar a todas as xeracións, á xente máis nova e aos que xa peiteamos un pouquiño de canas, a gozar da boa música porque cando un leva o espírito xuvenil no corazón e nos sentimentos non hai idade que sexa cortapisa. Todos podemos achegarnos, todos e todas para escoitar bo rock e pasar unha boa fin de semana en Ribadeo. Así que música, festa e a divertirse. Vinde todos e todas a fin de semana que ven ata Ribadeo para escoitar rock”.