Ribadeo acollerá ata o 29 de novembro diversas actividades para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

 

Do 16 ao 29 de novembro celebraranse en Ribadeo diversos actos para conmemorar o día internacional da loita contra a violencia de xénero. Haberá teatro nos escaparates de catro comercios, conferencias e dúas performance. As actividades foron presentadas esta tarde nunha rolda de prensa que se celebrou no salón de plenos do Concello.

A programación, organizada pola Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres de Ribadeo, conta coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo e coa participación dos centros de ensino da vila, da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autonómos (Acisa), co Grupo de Teatro de Ribadeo e coa Escola Municipal de Música e Danza.

 

 O 25 de novembro haberá unha charla ás seis da tarde na Casa da Xuventude sobre Coeducación. Como combater o sexismo desde os centros educativos, que impartirá Branca Nazaré Guerreiro, orientadora do CPI López Suárez de Friol. Ademais ese día pola mañá no Cantón dos Moreno ás 12, se o tempo o permite, senón a actividade trasladaríase ao pavillón, arredor de 250 alumnos e alumnas dos CEIP Gregrorio Sanz e Sagrado Corazón, do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros e do CIFP Porta da Auga protagonizarán a performance FormandoNÓS contra o machismo. Álvarez Lastra explicou que “as rapazas e os rapaces se dispoñerán de maneira que tanto o slogan coma o logo que levarán nas súas camisetas queden representados pola súa figura no chan. Ademais cada centro lerá un manifesto, unha carta ou realizará a actuación que considere oportuna en relación coa loita contra a violencia de xénero”.

O Concello ribadense, ao igual que os de Mondoñedo e Viveiro, súmase á campaña que desenvolverá o Observatorio da Mariña pola Igualdade o vindeiro 29 de novembro. Ese día ás 17:30 horas na praza 8 de marzo haberá outra performance Non son cifras, son mulleres. “Este acto estará dedicado a todas as mulleres que faleceron vítimas da violencia de xénero durante este ano, que foi especialmente tráxico na Mariña. Nesta actividade participarán a Escola Municipal de Música e Danza e o Grupo de Teatro de Ribadeo. Para esta representación é necesaria a colaboración das mulleres, polo que calquera que estea interesada en participar pode anotarse poñéndose en contacto co teléfono do CIM: 982 120 739”. Esa tarde tamén se dará lectura a un manifesto.

Mariluz Álvarez Lastra convida “á cidadanía a participar en todas estas actividades e agradece a colaboración de todas as asociacións, de todos os centros de ensino e da Mesa Institucional e todos os colectivos que se darán cita nesta programación”.