Redrum Teatro presenta Roedores o vindeiro sábado, 21 de febreiro, no Pastor Díaz en Viveiro.

Redrum Teatro presenta Roedores o vindeiro sábado, 21 de febreiro, no Pastor Díaz en Viveiro.
 
O teatro Pastor Díaz, de Viveiro, acollerá o vindeiro sábado, 21 de febreiro, a presentación de Roedores, a cargo de Redrum Teatro. Será a partir das 18 horas. Trátase dunha comedia musical dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos. A obra está protagonizada por Munda e Peludiño. 
Peludiño é un hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade. Munda é unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer ao temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas os fan especiais. Ao fin e ao cabo... "Todos somos Roedores".
Roedores é un espectáculo familiar con música en directo no que se fomenta a igualdade. A través das aventuras de Peludiño e Munda os cativos achegaranse a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social, de dereitos... E entenderán o valor da amizade, do traballo en equipo e da aceptación dun mesmo e dos demais.