Propostas diversas para San Valentín e para o Entroido

Propostas diversas para San Valentín e para o Entroido
 
Achéganse o Entroido e San Valentín con cheas de propostas para @s que vivimos nesta comarca e para @s que queiran visitarnos ao longo dos vindeiros días. 
Temos de todo na Mariña luguesa: ceas de comadres, desfiles en cada recuncho desta terra e miles de euros en premios para os que se decidan a sorprendernos coas súas caracterizacións ben sexan individuais, en parella, en grupo ou en carrozas. Seguro que haberá moitas alusións á actualidade dos últimos tempos: ao pequeno Nicolás, a Podemos, a Bankia, ás vindeiras candidaturas electorais… Estamos en Entroido e toda crítica e sátira feita con graza e sen faltarlle ao respecto ninguén vale. O que deben facer aqueles persoeiros locais e comarcais que se poidan ver reflectidos nas moitas parodias que nos agardan é dixerir a crítica con deportividade e tomar boa nota. 
Pero como esta páxina é unha guía de ocio imos falar de máis propostas que podedes atopar nas nosas seccións pensando nun dos días máis comerciais do ano: San Valentín. Menús especiais, concursos de escaparatismo, sorteo dunha romántica viaxe a París, sorteos de cenas ou de aloxamentos en hoteis da zona, concursos de poemas ou dedicatorias de amor…; unha morea de posibilidades co fin de agasallar e de sorprender a esa persoa especial. 
O mais importante de todo isto, do Entroido e de San Valentín, é que a xente se implique: os comercios, os clientes, os veciños e as veciñas de nosas vilas. Entre tod@s conseguiremos que esta comarca, A Mariña luguesa, siga a ser un referente para o resto da provincia, de Galicia e do mundo. Só traballando xunt@s acadaremos ese obxectivo.