O Colectivo viveirés Pensamento e Sementeira comeza as actividades da Programación de Outono cunha “Camiñada polos acantilados de Loiba”. Esta visita que conta co apoio do Concello de Viveiro, é totalmente gratuíta e desenvolverase o domingo 8 de novembro.
Un autobús ,que sairá de Viveiro ás 10 da mañá, achegará aos participantes nesta excursión até o areal de Esteiro, desde alí, e guiados por membros da Asociación Nordés de O Barqueiro, percorrerán os acantilados de Loiba. A camiñata, que terá unha duración aproximada de tres horas, e doada de realizar. Ademais contará con algunha paradiña, se cadra para sentar no que dín é “o mellor banco do mundo”.
O colectivo programou para os días 11, 18 e 25 de novembro un “Ciclo de Cine de Humor”. Serán 3 películas as que se poderán ver en pantalla grande e en versión orixinal, no salón de actos do IES María Sarmiento. Esta actividade conta co apoio da Federación Galega de Cineclubes e da Concellaría de Cultura do Concello de Viveiro.
Pensamento e Sementeria proxectará a principios de ano un novo ciclo de cine euroárabe que, como nas dúas ocasións anteriores, conta coa colaboración do Festival AMAL e da Fundación Araguaney.
O Sahara centrará o primeiro dos actos informativos que o colectivo ten programado para a segunda quincena de novembro. Serán saharauís e membros da SOGAPS
(Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí) os que se achegarán a Viveiro para informar da difícil situación pola que atravesan o Sahara despois dos recentes asolagamentos nas wilayas de Auserd e Dajla.