Ribadeo acollerá un curso de Branding para emprendedor@s os días 7 e 8 de outubro. Está organizado pola Área de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio e enmárcase dentro do programa Ribadeo Medra Contigo.
A edil Ana Martínez sinala que “hoxe é en día, definir a marca, é fundamental para darnos a coñecer entre o público. A creación dunha marca é posiblemente unha das mellores estratexias de márketing, especialmente nestes tempos onde hai unha ampla oferta de produtos”.
A concelleira de Desenvolvemento Local sinala que “neste senso , saber quen somos para saber onde estamos e por ende porque nos diferenciamos dos demais é imprescindible para crear unha marca que presente un valor engadido no mercado”.
Este curso ensinará como crear e consolidar unha marca. A acción é gratuíta e na mesma poden participar emprendedor@s, empresas, autónomos, comercios e todas aquelas persoas interesadas en realizar un bo branding da súa empresa.
O curso desenvolverase os días 7 e 8 de outubro, constará de 8 horas máis asesoramento individualizado, en horario 14 a 16 horas e 20 a 22 horas, “adaptándonos así ás persoas que traballan”.
O lugar de celebración será o Telecentro e para apuntarse as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local no teléfono: 982 128 650 ou no correo electrónico adl@ribadeo.org