Os días 29 e 30 de agosto celébrase a Feira do Libro de Burela, que será inaugurada por Marta Sanz e por José Díaz.

Os días 29 e 30 de agosto celébrase a Feira do Libro de Burela, que será inaugurada por Marta Sanz e por José Díaz.
 
Burela celebrará a súa Feira do Libro os días 29 e 30 deste mes con actividades paralelas dirixidas a todos os públicos. Será inaugurada pola escritora Marta Sanz e polo concelleiro de Cultura e tamén autor de varios libros José Díaz. 
A véspera, o día 28, ábrese unha exposición paralela que se poderá ver todo o mes de setembro, sobre o conto de Carapuchiña Vermella, “pero cunha versión atrevida, transgresora e de gran calidade a cargo da pintora ourensana Mónica Filgueira, detrás da que se atopa o proxecto Mof la sinvergüenza, que triunfa confeccionando paraugas pintados por ela, entre outros obxectos”, segundo explican desde o Concello burelés. A artista amosa o seu traballo na web http://www.moflasinverguenza.com/blog/ 
O día 29 abrirá as súas portas a Feira do Libro de Burela, que inaugurarán Marta Sanz e José Díaz. A escritora Marta Sanz  é autora de novelas, poesía, contos, ensaio e crítica literaria. Entre as súas obras de narrativa destacan El frío, Los mejores tiempos (Premio Ojo Crítico de Narrativa), Susana y los viejos (finalista do Premio Nadal), ou as máis recentes, como La lección de anatomía, Blacl, Black y Black e Daniela Astor y la caja negra, galardoada cos premios Tigre Juan, Cálamo y Estado Crítico á mellor novela de 2013. O seu último libro de poemas, Vintage, mereceu o premio ao mellor poemario do ano concedido pola Asociación de Críticos madrileños. É colaboradora de varios suplementos culturais como Babelia, El Cultural e Mercurio. Marta Sanz presentará en Burela o día 29 ás 19.30 horas as súas dúas últimas obras, La lección de anatomía e Daniela Astor y la caja negra.
José Díaz, ademais de concelleiro en Burela, é autor de numerosos relatos cortos que lle valeron premios como o I Premio San Juan de Dios (2013), I Premio de relato Arvikis Dragonfly (2013), I Premio no Certamen de Relato Rita Suárez Amado (A Coruña, 2014), I Premio no certame de Relatos da LNFS (2014 e 2015). Ten publicado un libro de relatos, Sesentaynueve (Ediciones Cardeñoso, 2014), do que se esgotou a primeira edición. A segunda edítase coincidindo coa Feira do Libro de Burela. O 29 de agosto presentará a súa primeira novela, Ave María, da man de MAR editorial. Será ás 13:30 horas.