Os días 23 e 24 de setembro celebrarase en Ribadeo o SonRock, que organizan as Concellarías de Cultura e Mocidade.

Os días 23 e 24 de setembro celebrarase en Ribadeo o SonRock, que organizan as Concellarías de Cultura e Mocidade.
 
O SonRock celebrarase en Ribadeo, no parque de San Francisco, os días 23 e 24 de setembro. En caso de choiva o festival trasladarase ao Auditorio Municipal. O evento foi presentado polos concelleiros de Cultura e Mocidade, Farruco Graña e Vanesa Yanes. 
 
O edil nacionalista explicou que “o SonRock Ribadeo vai ter lugar os días 23 e 24 de setembro. Despois da obrigada cancelación a mediados de xuño pola inclemencia meteorolóxica e de nos ver obrigados a modificar o cartel por incompatibilidade de datas con algúns grupos que xa teñen garantida a presenza para a segunda edición, por fin imos poder gozar do festival de rock que Ribadeo merece”. 
 
Graña contou que “o SonRock pretende facer un chamamento á mocidade e, en xeral, a todas e todos os seguidores deste xénero musical, que non son poucos. O rock vénnos acompañando desde hai décadas e nos últimos anos ofrecéndonos a aparición de grandes grupos na nosa terra polo que cómpre presumir deles e animar aos que comezan para afianzar a súa andadura”.
 
O concelleiro de Cultura dixo que “precisamente o SonRock vai tentar combinar a experiencia de dúas bandas xa consagradas no panorama musical galega como son Raiba e Nao coa forza de novos grupos como Oh Ayatollah! e Paranoi-k, vinculados tamén á Mariña. Raiba, formada no 2009, é hoxe unha das bandas máis representativas  do novo metal galego  con influencias do punk e o hardcore. Neste 2016 presentan o seu terceiro traballo, Historias na Pel, que están a presentar por toda Galicia. Nao naceu en 2005 na Estrada e xa leva editados seis álbums de estudo ademais dun EP musical en formato de descarga dixital. O rock de Nao acompáñase do compromiso coa lingua e a crítica social para se asentaren entre as bandas referentes deste xénero musical en Galiza”.
 
Farruco Graña seguiu a relatar que “Oh Ayatollah! chegan desde Compostela aínda que presenta unha clara presenza mariñá con dous integrantes burelaos. O grupo, nado recentemente, a finais de 2015, tende ao pop-rock e reciben influencias de grupos como Los Planetas ou The Strokes. Agora mesmo están a presentar o seu EP, Cancións por se non te quere xa, por diferentes localidades do país. E Paranoi-k é un grupo ribadense que xurdiu dun grupo de amigos de toda a vida con similares gustos musicais. Tras comezar no ano 2015 tocando versións de bandas do panorama nacional, fai uns meses comezaron a compoñer os seus propios temas, compostos por letras agresivas e unha mezcla de punk, hardcore e rock”.
 
A concelleira de Mociedade, Vanesa Yanes, manifestou que “este festival, que procura a chegada de amantes do rock de toda Galicia, vaise realizar en dous días, o venres 23 e o sábado 24 de setembro. Os concertos darán comezo arredor das 22:30 horas e rematarán pasada xa a media noite. Neste ambiente que temos de proximidade de verán, animamos a todas as persoas a se achegaren ao Parque de San Francisco para gozar do rock galego da man deste abano de grupos ben rico e diverso. En caso de choiva, o festival levarase ao Auditorio Municipal”.
 
A edil ribadense engadiu que “a entrada será libre e agardamos un ambiente festivo nunha primeira edición que ten como obxectivo continuar un camiño nos próximos anos para se asentar e se converter en referente musical dos festivais do norte de Galicia. Procúrase seguir adiante en vindeiros anos coa visibilización de novos grupos da vila e outros de recoñecida traxectoria”.