A vindeira fin de semana vaise celebrar, no Campo Municipal de Bolos de Sumoas, en Xove, o Campionato España Feminino de Bolos Celtas 2015, no que participarán 28 xogadoras procedentes de diversos puntos de todo o país, como Galicia, Madrid ou Asturias, comunidades onde se practica este xogo tradicional. Comezará ás 12 horas do sábado e rematará o domingo pola tarde. O sábado vai desenvolverse o campionato individual e na última xornada, o domingo 13, o campionato por parellas. Está organizado polo Club de Bolos de Xove e a Federación Galega de Bolos, co patrocinio da Concellería de Deportes de Xove.
Xove é un dos centros máis importantes de Galicia neste xogo e proba diso é o apoio que o Concello presta a través das Ligas Municipais de Bolos, que este ano celebran a XXVII edición, e a presenza do Club de Bolos Xove, un dos máis importantes de Galicia. O Club de Bolos Xove foi dos pioneiros en España en conseguir que as mulleres se decidisen a xogar a este deporte, que tradicionalmente estaba reservado aos homes. Cando se fundou o Club practicamente as únicas mulleres que competían en Liga eran as do Club de Bolos Xove e o Club de Bolos O Cadaval; pouco a pouco fóronse dando pasos para que outros clubs foran federando mulleres, e a partir daquel momento comezáronse a realizar campionatos galegos e de España. Pola súa banda, a Concellería de Deportes do Concello de Xove contribuíu tamén á incorporación da muller a este deporte creando, na tempada 2009-2010, a Liga de Bolos Sénior Feminina, que este ano celebra a súa sétima edición.
Nestes intres o nivel da mulleres neste deporte podémolo definir como fantástico. En Galicia hai clubs con representación feminina nas catro provincias, e en Asturias teñen unha Liga feminina potentísima, que nada ten que envexar á masculina. A xogadora Carmen Rouco, do Club de Bolos de Xove, acadou o subcampionato de España no campo de Tineo (Asturias), e este ano o seu obxectivo é subir un escalón máis para tentar conseguir o campionato.
A organización do Campionato corre a cargo do Club de Bolos Xove e a Federación Galega de Bolos; o patrocinio vai por conta do Concello de Xove a través da súa Concellería de Deportes. Colaboran o Consejo Superior de Deportes, Federación Española de Bolos e Deporte Galego da Xunta de Galicia.