Os Cantos de Taberna e a tapa do mercado son algunhas das novidades do XI Ribadeo de tapeo, que terá lugar do 21 ao 29 de maio.

Os Cantos de Taberna e a tapa do mercado son algunhas das novidades do XI Ribadeo de tapeo, que terá lugar do 21 ao 29 de maio.
 
A décimo primeira edición do Ribadeo de tapeo, que organiza o Concello, terá lugar do 21 ao 29 de maio. Serán medio cento de establecementos hostaleiros os que ofrezan as súas creacións durante eses días, segundo deu a coñecer esta mañá a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez. Unha das novidades deste 2016 serán os Cantos de Taberna e outra a elaboración da tapa do mercado, que se poderá degustar de balde na praza de abastos os dous sábados do Ribadeo de tapeo. 
 
A edil nacionalista dixo que “Ribadeo de Tapeo, un evento organizado polo Concello de Ribadeo, cumpre xa 11 anos de vida. É un dos concursos máis antigos de Galicia e ano tras ano ven colleitando cada vez máis éxito tanto entre o público como entre os seus máximo protagonistas, que son os profesionais dos establecementos da hostalería ribadense”. 
 
Martínez subliñou que “esta cita é un dos nosos mellores escaparates gastronómicos que este ano se celebrará entre os días 21 e 29 de maio. É un espazo onde compartir novas ideas e propostas desta cociña en miniatura, un espazo onde fomentar a nosa cultura da tapa, tan típica de Ribadeo”. 
 
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio indicou que “nós como organización queremos buscar a excelencia do sector, así como apoiar o consumo local, o traballo en rede e a sinerxia entre todos os profesionais do sector. Polo que este ano ademais das tapas da hostalaría intégrase a tapa do mercado, elaborada cos produtos dos praceiros/as que nos permitirá degustar de balde o valor do local durante os  dous sábados do Ribadeo de Tapeo, na praza de Abastos”. 
 
Ana Martínez manifestou que “esta edición, que dará comezo o  día 21 de maio e rematará o 29 de maio, conta con 48 participantes da hostalería local que nos presentarán a súas diferentes propostas e que de seguro serán moi atractivas e apetitosas. A dinámica do concurso ven sendo máis ou menos semellante ás edicións anteriores, e como novidade engadimos unha actividade para nós especial, levamos varios anos tanteando cómo introducila e cremos que o Ribadeo de tapeo pode ser un bo momento para iniciar a primeira edición dos Cantos de Taberna. Con eles pretendemos recuperar a tradición ribadense de xuntarse para cantar nos bares ao carón dos amigos e das amigas”. 
 
A concelleira ribadense contou que “para participar nos cantos será preciso unha inscrición previa, que estará aberta a partir do 6 de maio. A inscrición se poderá facer ben na oficina de turismo ou na oficina do ADL. Os grupos deberán estar conformados por un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10. Os/as interesad@s en participar deberán contar no seu repertorio cunha canción popular de arraigo Ribadense. Cada grupo disporá dun pasaporte que irá selando en cada establecemento e que será o pase a unha cea de balde para todos e todas participantes de forma conxunta, que se celebrará a fin de semana seguinte do Ribadeo de tapeo”.
 
Ana Martínez engadiu que “como nos anos anteriores contaremos coa aplicación móbil Ribadeo Gastrómico e ademáis integraremos noutra aplicación das principais concursos de Galicia” e tivo palabras de agradecemento para todos os que participan nesta cita: “quero aproveitar para agradecer á hostalería de Ribadeo pola súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer tal evento, así como os agasallos que doarán para os premios que se repartirán entre o publico premiado. Non me queda máis que convidar a participar deste Ribadeo de Tapeo a todo mundo, e  en especial a veciñanza da mariña e de occidente Asturiano. E sen máis larpeiros/as do mundo, unídevos e vinde cantar e comer a Ribadeo”.