O Teatro de Ribadeo situado na Rúa de San Roque, 2, acollerá o próximo venres, 11 de novembro, ás 20:30 horas, a proxección da obra de ficción Vida e o documental Máis ca Vida do director e actor galego Rubén Riós. No acto, estarán presentes, ademais do propio director, o actor e actriz protagonista, Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro que, unha vez concluída a proxección, aproximarán en primeira persoa as súas percepcións do que significou para eles levar a cabo este proxecto que tanto ten marcado as súas vidas.
Logo dun ano de ensaios e traballo con persoas deste colectivo con capacidades diferentes, o director percatouse das súas inmensas gañas de amosar ao mundo o que son capaces de facer. O seu espírito, forza e traballo en equipo concluíron na realización de dúas grandes obras audiovisuais: Máis ca Vida e Vida, un formato pioneiro que transportará ao espectador a un mundo de emocións.
O documental Máis ca Vida recolle os testemuños reais do día a día que rodea ás persoas con capacidades distintas. Deste xeito, as imaxes que integran este proxecto audiovisual plasman os ensaios realizados de cara a rodaxe, nos que poden contemplarse os medos, alegrías, interrogantes, dificultades, fatigas…etc, aos que tiveron que enfrontarse estes mozos e mozas. En definitiva, un encontro, co seu sentir.
Unha vez coñecidas as inquedanzas dos protagonistas, o documental transfórmase nunha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación das tramas do guión de Vida, unha obra, de ficción, creada por e para eles, artífices e construtores activos do seu día a día.
Así pois, Vida, mestura a arte, o entretemento e a comunicación, cunha clara mensaxe social a prol da fortaleza e a superación do colectivo ao que pertencen os protagonistas. Convértese na primeira experiencia audiovisual destas persoas, que, mediante a súa interpretación, trasladarán ao a espectador dunha maneira lúdica, positiva e realista, as diferenzas sociais existentes, invitando ao público á reflexión.
Esta obra de ficción, conta ademais cun reparto artístico excepcional, integrado por actores e actrices recoñecidos como: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesia, entre outros.