Este vindeiro sábado, día 21 de marzo, ás 19 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro, vai ter lugar a estrea dunha nova película de Caolipe Producións.
O novo traballo cinematográfico titúlase "Tristeza na herba". Está dirixida por Pepe Peinó e protagonizada, entre outros, por Miriam Vivero e Dimas Fernández (Directores e Profesores da Escola de Baile "Goldance"), por Eva Rubio, Eva Fernández, Ana Belén Val, Sandra López-Leitón, María Quirós, Antonio Jesús Lorenzo "Cachín" e ata un total de máis de cincuenta actores, entre protagonistas e figurantes, a maioría do Val do río Ouro, tanto de Alfoz como do Valadouro.
A nova película contará coa colaboración especial de Suso Fernández "Suso do Bahía", cronista oficial de Foz. A música está composta por Jorge Olivera (Profesor de Música do instituto Alfoz-Valadouro) e por Tono Alonso (Director do colexio "Martínez Otero" de Foz). A rodaxe durou máis de tres anos e repartiuse entre lugares de Alfoz, Valadouro, Foz, Barreiros e Mondoñedo, contando tamén coa colaboración de Radio Valadouro.