O programa do Día da Muller, en Cervo, inclúe Café Bombón, sesións de fotos, tai-chi, monólogos, actuacións musicais, cea e baile.

O programa do Día da Muller, en Cervo, inclúe Café Bombón, sesións de fotos, tai-chi, monólogos, actuacións musicais, cea e baile.
 
O Concello de Cervo e as asociacións Alborada, Mulleres Rurais As Espalladoras e Mulleres de San Ciprián deron a coñecer hoxe os actos previstos para o Día da Muller Traballadora, que se van celebrar o 7 de marzo. 
Un programa no que traballaron de forma conxunta o goberno local e as tres entidades e que ten como resultado un día completo con actividades durante toda a tarde e que se prolongarán ata a noite. O alcalde, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada, a presidenta de Mulleres de San Ciprián, Amparo Pernas, e a tesoureira das Espalladoras, Raquel Ferreira participaron na presentación. 
Os actos comezarán ás 17:30 horas na Casa do Mar, co Café Bombón. Ademais, durante a tarde haberá sesión de fotos con photocall. A xornada continuará coa exhibición de Tai-Chi a cargo da Asociación Alborada. E a partir das 18 h. Carmen Conde ofrecerá un monólogo sobre a muller. 
Ás 20 h. os actos trasladaranse á Casa da Cultura, coa actuación de Dayami Andux e Daniel Adzemian “Antoloxía da canción hispanoamericana”. Xa pola noite, ás 22 h. terá lugar unha cea no restaurante Buenavista organizada pola Asociación Mulleres de San Ciprián. Ao remate, a celebración continuará na Casa do Mar (a partir das 00:00 h.) co baile organizado polas Espalladoras. 
Uns actos que son abertos ao público, pero no caso do Café Bombón e a cea é preciso inscrición previa, que se poderá realizar ata o día 5 na Casa do Mar, nas asociacións colaboradoras e no teléfono 691 65 66 00.  
A edil de Igualdade, Pilar Armada, quixo aproveitar para agradecer ás tres asociacións de mulleres do municipio “o seu traballo e a súa boa disposición para unir esforzos co obxectivo de conseguir un programa completo e atractivo”. Ao mesmo tempo Armada recoñeceu a labor destas tres entidades “que se manteñen activas ao longo de todo o ano, ofrecendo iniciativas e contribuíndo a dinamizar o tecido asociativo”.