O programa Buxiganga da Área de Cultura da Deputación de Lugo chega o 29 de outubro ao Valadouro. Alí terá lugar a representación de "As trece rosas".

O programa Buxiganga da Área de Cultura da Deputación de Lugo chega o 29 de outubro ao Valadouro. Alí terá lugar a representación de "As trece rosas".
 
A  Deputación Provincial de Lugo dentro da súa Área de Cultura achega ao salón de Actos da Casa da Cultura do Concello do Valadouro, unha vez máis, dentro do programa de Buxiganga de Teatro afecionado, unha actuación co grupo de teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla e a obra "As Trece Rosas" o vindeiro sábado, 29 de outubro, ás 20:00horas e con entrada de balde.
 
O grupo de teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla xurdiu como unha actividade máis da Biblioteca, dentro das programadas como animación á lectura, co fin de que a biblioteca se convertise nun centro de socialización e convivencia de persoas de diferentes idades e formación cultural.
 
A primeira actuación tivo lugar o 25 de decembro do ano 1995, na Casa da Cultura de Antas. Desde aquela actuaron por toda Galiza e até fóra da nosa Comunidade, como en Bilbao, Barcelona… No 2006 acadaron o 2º Premio GZCREA da Xunta de Galicia, quedando no ano 2010 finalistas en dito certame. Desde 1996, contan cun profesor, José Jorge García (Jouse), que tamén dirixe as obras.
 
Cada tempada fan unha convocatoria para aqueles veciños e veciñas que queiran formar parte do grupo. Na actualidade conta con máis de 50 membros entre os 4 e os 60 anos.
 
O traballo que van achegar ao Valadouro o vindeiro sábado leva por título "As trece rosas". Unha obra que homenaxea a trece mulleres que, o 5 de agosto de 1939, foron executadas por estar acusadas de rebelión contra a causa nacional durante a guerra civil. O seu final foi un dos episodios máis crueis da represión franquista. Pola súa mocidade, recibiron o apelativo das trece rosas e a súa historia converteuse nunha das máis conmovedoras daquela época marcada polo feixismo e o odio fratricida.
 
A Concellaría de Cultura do Concello de O Valadouro convida  a asistir a unha representación histórica "As trece rosas" do grupo da Biblioteca de Antas de Ulla o vindeiro 29 de outubro ás 20:00horas. Como de costume, entrada de balde.