O Grupo Hipócrita Teatro de Lugo actuará este sábado, 14 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Burela, a onde levará a súa obra Emperador, que pensas? Fala!. A peza, representada a partir das 20 horas, é apta para todos os públicos e a entrada é libre. A sesión teatral está organizada pola Delegación de Cultura de Burela e forma parte do proxecto Buxiganga, que a Deputación Provincial achega aos concellos.
Hipócrita Teatro naceu en Lugo en novembro de 2004. Ata o 2009 dirixiu as súas montaxes Guillermo Cancelo, entre elas O achado do castro, de Manuel Núñez Singala (2005), Miserere, un drama sobre a violencia de xénero, estreado en Lugo en novembro de 2005, ou Deuses e Die Irae, espectáculos creados para a festa romana Arde Lucus.
Dende 2010, a compañía estreou tres novos espectáculos dirixidos por Carlos Rebolo. Son Homes en escabeche, unha comedia para adultos que recibiu varios premios a nivel autonómico; Unha historia con pau, comedia dirixida para o público familiar; e Emperador, que pensas? Fala!, unha comedia de enredo ambientada no Lugo romano e dirixida a todos os públicos. Esta última obra é da que poderán gozar os bureleses e todos os que se acheguen á Casa da Cultura este sábado.
Emperador, que pensas? Fala! conta a historia dun imperio en decadencia. O emperador decide refuxiarse na afastada cidade de Lucus Augusti e entre as súas robustas murallas séntese a salvo. Pero unha estraña enfermidade, unha esposa ambiciosa, un anfitrión que quizais non é o que aparenta e unha filla caprichosa perturbarán a súa tranquilidade. O inimigo sempre está máis preto do que se sospeita.
Ademais da creación e posta en escena de espectáculos teatrais, Hipócrita Teatro desenvolve outras actividades orientadas á dinamización cultural e social, moitas delas en colaboración con outras actividades como o encontro Avoa Escola, celebrado en decembro de 2012 en Castroverde.