Máis de 20 persoas participan nesta nova montaxe, “Noite de Reis”, que Ollomao leva máis dun ano preparando.A estrea será ás 20:30 horas no pavillón dos colexios de San Miguel e as entradas, que xa están á venda, custan 4 euros.
Estamos no ano 1982. Sebastián e Violeta son dous irmáns mellizos fillos do gobernador do estado imaxinario de Masalia que acaba de ser derrocado por un golpe de estado. Eles dous foxen ao exilio nun barco de Burela que pescaba na costa dese país e que foi fletado para transportalos á salvación nun país do norte de Europa. A mala sorte quixo que o barco encallase fronte ás costas da Mariña. Sebastián, acompañado do capitán do barco, logra chegar á praia da Arealonga, e aí empeza unha continua sucesión de equívocos que non se resolverá ata o final da obra...
“Noite de Reis”, de William Shakespeare, é a obra escollida polo grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros para a súa segunda superprodución. Logo do éxito acadado coas anteriores montaxes “Os Vellos non deben de namorarse” e “Oé, Oé, Oé!!!”, que viron máis de 5.000 persoas, Ollomao lánzase de cheo a adpatar un dos clásicos do teatro universal.
Unha das mellores comedias de amor e enredo de Shakespeare, Twelfth Night (Noite de Reis), narra unha enrevesada historia de confusión de identidade, transformación e decepción. Ilusión e realidade son case indistinguibles nesta brincadeira co amor e a identidade sexual como trasfondo. Escura e encantadora, a obra pregúntase sobre o que ocorre cando te namoras da persoa equivocada, e a resposta é ao mesmo tempo fermosa e agridoce. Toda a obra está impregnada polo amor, xa sexa amor verdadeiro ou amor confundido con outras cousas: ansias de grandeza, intereses materiais,… Todo o que unha comedia de enredo podía dar de si está reunido nesta obra. Personaxes disfrazados que Shakespeare usa como recurso para suscitar preguntas sobre a identidade humana, ou sobre si clasificacións tales como o sexo ou a clase social como entidades prefixadas, poden alterarse mediante un simple cambio de roupas.
O mundo de Shakespeare pero ao revés
“Aínda que é unha das comedias de Shakespeare más divertidas, ten o seu lado escuro e como moitas das súas comedias tardías, tamén Noite de Reis contén elementos tráxicos”, explica Ramón Casas, director do grupo de teatro de Ollomao, que conta que a “Noite de Reis” de Ollomao é especial e está chea de sorpresas. “A nosa Noite de Reis é unha deconstrución da comedia shakesperiana. Igual ca el, nós tamén xogamos cos personaxes ata desfacelos e reconstruílos de novo. De primeiras, convertemos aos personaxes masculinos en femininos e viceversa; pero nesa conversión deixamos a cada quen coas súas características psicolóxicas orixinais porque a nosa idea é contar con mulleres fortes que asumen os roles máis destacados dentro da trama da comedia. E aínda máis, facendo unha chiscadela ao feito de que na época de Shakespeare os personaxes femininos eran interpretados por homes, na nosa versión, o personaxe máis marcadamente masculino da obra (Orsino) vai ser interpretado por unha muller”, explica Casas.
Xa están á venda as entradas, que custan 4 euros
A estrea desta nova montaxe de Ollomao será o vindeiro sábado, 31 de outubro, ás 20:30 horas, no pavillón dos colexios de San Miguel de Reinante e as entradas, que xa están á venda, custan 4 euros. “Temos un hándicap importante á hora de facer teatro en Barreiros -conta Tamara Rubiños, presidenta de Ollomao- que é o feito de non contar nun teatro, auditorio ou casa da cultura equipado e adaptado ás necesidades dunha obra desta envergadura, o que nos obriga a montar de cero un auténtico teatro, con escenario, caixa negra, luces, son e patio de butacas no pavillón do colexio, o que supón un esforzo técnico e económico importante”, explica. A recadación conseguida coa venda das entradas destínase a estes gastos, explica a presidenta de Ollomao.
As entradas xa están á venda en distintos bares do concello ou pódense mercar directamente aos membros do grupo de teatro de Ollomao. Tamén estarán dispoñibles o mesmo día da función na taquilla do propio pavillón desde unha hora antes do comezo do espectáculo e poden reservarse asimesmo no facebook de Ollomao, a través do email colectivo.cultural.ollomao@gmail.com ou do teléfono 650542932.
Teatro de vangarda feito en Barreiros
O grupo de teatro de Ollomao comezou a súa andaina no ano 2012 cando o pavillón do colexio de San Miguel de Reinante se convertía nun auténtico auditorio para acoller a primeira representación da primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”, unha montaxe con música en directo e máis de 30 actores e actrices sobre o escenario. Máis de 3.000 expectadores viron esta primeira montaxe de Ollomao na xira de máis dunha ducia de representacións por toda a comarca da Mariña e outras vilas e cidades galegas. O éxito acadado con esta primeira montaxe levou a Ollomao a emprender novos proxectos como un ciclo de Teatro nos Bares, a posta en escena dunha peza para unha homenaxe colectiva a Vidal Bolaño ou a creación dun grupo de teatro infantil. Un ano despois daquela primeira representación do grupo chegaba “Oé, Oé, Oé!!!”, a súa segunda montaxe, unha obra de pequeno formato que reflexiona sobre a febre do fútbol na nosa sociedade. Agora chega a segunda gran superprodución do grupo, “Noite de Reis”, que se estrea o vindeiro sábado.
Nos tres anos transcorridos dende o seu nacemento, o grupo de teatro de Ollomao xa se consolidou na vangarda dos grupos escénicos da comarca da Mariña. As súas montaxes destacan polo carácter innovador e sorprendente, por unha posta en escena actual e por unha temática que leva á reflexión ao espectador.