O embalse de Riocobo acollerá o campionato de España de motonáutica por radiocontrol térmico os días 5 e 6 de setembro. Esta proba foi presentada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez; polo concelleiro de Deportes, José Ramón Soto Martínez; e polo representante da Federación Galega de Motonáutica José Soto Peña.
O concelleiro de Deportes cervense explicou que na competición participarán “lanchas cunha lonxitude aproximada duns 1,20 metros e que alcanzan ata os 120 quilómetros por hora. As probas distribúense en catro categorías: ata 3,5 centímetros cúbicos; de 3,6 a 7,5; de 7,6 a 15; e de 15,01 a 35. O número máximo de participantes por categoría non poderá ser superior a 15. Correranse tres mangas por categoría, das que puntuarán as dúas con mellores resultados. En caso de empate terase en conta a puntuación da terceira manga. O circuíto consistirá na habitual M usada neste tipo de competición, de 100 por 50 metros aproximadamente. O sistema de saída e o número máximo de embarcacións na regata indicarase na reunión de pilotos, previa ao inicio da competición”.
José Ramón Soto destacou que “recibirán trofeos, aportados por casas comerciais de San Ciprián, os tres primeiros clasificados de cada categoría. Os tres mellores pilotos da proba disputarán o campionato do mundo no vindeiro ano 2016”.
O edil engadiu que “todos os participantes terán que estar en posesión da correspondente licenza de piloto, co selo de habilitación da Real Federación Española de Motonáutica correspondente ao ano 2015. Non existe límite de idade para os pilotos, pero os menores de 18 anos deberán aportar autorización do titor legal”.
O horario das probas será: o sábado 5 de setembro a partir das 10 da mañá empezaranse a formalizar as inscricións e haberá adestramentos libres ata as 13 horas. A partir das catro e media da tarde comezarán as mangas de cada categoría. E o domingo, día 6, de 09 a 10 horas formalizaranse as inscricións e a partir das 10 da mañá realizaranse as mangas restantes.
Todas as lanchas deberán estar provistas dun sistema silenciador efectivo e suficiente como para no emitir un volume de son superior aos 85 decibelios a unha distancia de 22 metros. A verificación de cascos e motores levarase a cabo dentro do mesmo horario que a confirmación de inscricións. Cada participante deberá dispor do seu propio xogo de números (veletas) do 1 ao 12 e a correcta suxeición para os mesmos.
A reunión de pilotos, para a cal a asistencia é obrigatoria, celebrarase unha vez acabada a confirmación de inscricións ou inmediatamente antes de iniciarse a competición. Haberá un comité de regatas que estará formado por: comisario xeral, secretaria de regata, cronometraxe, comisario de boias e rescate. Tamén haberá un xurado, composto por presidente, secretario, un membro acreditado da federación autonómica, que en ningún caso poderá ser un piloto participante na proba.
O concelleiro de Deportes rematou comentando que “por parte do Concello de Cervo valorase moi positivamente que se elixira o noso municipio para realizar esta competición de carácter nacional, xa que aparte de poder gozar de experiencias novas en esta zona, representa un importante tirón turístico, pois os participantes veñen de distintos lugares da xeografía española. Ademais todas aquelas persoas da zona que queiran poderán acercarse a presenciar as competicións, xa que o acceso é totalmente gratuíto”.