O Concello de Barreiros celebrou unha concentración e gardou un minuto de silencio en recordo das víctimas da Violencia de Xénero. Os actos foron secundados polos veciños, veciñas e traballadores municipais.

 

Veciños, veciñas e traballadores municipais secundaron unha concentración e gardaron un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero. Despois o alcalde, Alfonso Fuente, deu lectura a un manifesto no que puxo de manifesto que “as agresións, tanto físicas coma verbais, supoñen un atentado á dignidade da persoa. Mentres siga habendo malos tratos na casa e non se interveña a tempo, seguirá habendo nenos e nenas que medren presenciando a violencia contra as súas nais. Os rapaces que ven violencia na casa teñen problemas no desenvolvemento na escola e a miúdo acabarán tendo relacións violentas na súa vida adulta”.

 

 

“Hoxe estamos aquí para denunciar e condenar calquera tipo de violencia: o maltrato físico, que deixa marca e doe, que humilla e somete; o abuso verbal e maltrato psicolóxico, que destrúe, anula e aniquila a individualidade da persoa; o maltrato sexual, que denigra. Como di o retrouso da canción de Manuel Carrasco e Malú: Que ninguén cale a túa verdade, que ninguén che afogue o corazón, que ninguén che faga máis chorar fundíndote en silencio, que ninguén te obrigue a morrer cortando as túas ás o voar, que volvan as túas ganas de vivir. Cando o sangue é dunha muller maltratada, a ferida é de todos”, así concluía o manifesto lido polo rexedor. Un lazo de cor malva foi colocado na entrada do Concello de Barreiros para conmemorar esta data.