Descontos en tendas, música en directo, regalos e percorridos gratuítos no tren turístico cultural de Ribadeo son algunhas das propostas da Noite Flúor 2015, organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio.
Os 40 locais participantes estarán abertos de nove a doce da noite o vindeiro xoves, 6 de agosto, “tempo no que os que o desexen poden atopar interesantes descontos en tendas, así como regalos, sorpresas e música en directo. Ademais, o tren turístico cultural da vila ofrecerá servizos de balde para visitar as tendas que se dan cita na Noite Flúor e que se atopan situadas nas rúas San Roque, Ramón González, Reinante, San Francisco e Rodríguez Murias, e nas avenidas de Galicia, Rosalía de Castro e Calvo Sotelo”, explican desde a directiva de Acisa. O servizo do tren flúor será totalmente gratuíto.
E na rúa Reinante haberá xogos para @s máis pequen@s: carrilanas, patinetes e colchoneta.
Desde Acisa animan “a todo o mundo a achegarse ás tendas o xoves de 21 a 24 horas e a gozar das múltiples propostas que atoparán nelas. A Noite Flúor, que organizamos desde hai algúns anos é sempre un éxito, que agardamos repetir neste verán de 2015”.