Este domingo, día 26, da comezo unha nova edición do Mercado dos Domingos, que organizan o Concello de Ribadeo e a asociación A Sucadoira e que desenvolverán todos os domingos do verán.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, manifesta que “como cada tempada, cos produtos da horta en plena ebulición, volvemos retomar o noso Mercado dos Domingos. Trátase dun mercado de produtores locais achegando así os produtos ao consumidor, do produtor á mesa poñendo en valor a economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada”.
Martínez salientou que “o Mercado dos Domingos está organizado pola asociación de produtores de horta A Sucadoira e o Concello de Ribadeo e ten lugar no exterior da Praza de Abastos de Ribadeo”.
A edil nacionalista engade que “este mercado celebrarase todos os domingos e dará comezo o 26 de xuño. Rematará coa celebración da Feira da Horta, previsiblemente o 25 de setembro, que é cando se ten previsto pechar este mercadiño. Os domingos haberá trece postos de diferentes produtos, todos eles da zona, nos que poderemos atopar coitelería, conservas, pan, ostras, produtos da horta, queixo e embutidos entre outras cousas”.
Pola súa banda a presidenta da asociación A Sucadoira, Ana Díaz, comenta que “no Mercado dos Domingos haberá produtos cultivados na zona como espinaca, acelga, rabanitos, remolacha de mesa, coliflor, brócoli, cebola… Este ano acompáñanos un tempo moi malo e a fresa ou a pataca está manchada, pero a ver se conseguimos repoñernos un pouco. O pemento ou o tomate virán para agosto”.
Díaz salienta que este Mercado dos Domingos “supón que nos coñeza a xente e o noso produto. Eu teño uns clientes de Madrid que me coñeceron no Mercado do Domingos, seguen fieis a eses produtos e agora acábolles de vender diferentes produtos aquí na miña finca. A xente quere que os produtos sexan naturais e encántalles velo na horta. Ven de onde sae o produto, ven como se cultiva de forma natural e iso é o importante”.