O 1 de agosto celébrase a XII Festa do Percebe, en Rinlo. En total poranse á venda 700 quilos deste produto.

O 1 de agosto celébrase a XII Festa do Percebe, en Rinlo. En total poranse á venda 700 quilos deste produto.
 
O vindeiro 1 de agosto celebrarase a XII Festa do Percebe, en Rinlo. No evento, que foi presentado mañá, poranse á venda arredor de 700 quilos de percebe, que se venderán a 13 euros a ración (de 250 gramos). O Concello coorganiza a festa xunto coa confraría de pescadores. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que sexa un éxito.
O rexedor dixo que “por décimo segunda vez estamos aquí nesta iniciativa inventada hai algún tempo, igual que o Ribadeo Indiano e que outras tantas cousas, pero aquelas que se crean e que funcionan ben hai que seguir traballando nelas. Se cadra ao principio o Concello dirixiu a Festa do Percebe durante aqueles primeiros anos, pero xa desde bastante tempo atrás estámola coorganizando coa confraría de pescadores de Ribadeo, concretamente coa sección de mariscadoras e mariscadores”.
Suárez Barcia subliñou que “esta é un festa de Rinlo para o mundo, igual que estamos tan de actualidade con Ribadeo para o mundo, que brilla con luz propia, Rinlo, esta parroquia de Ribadeo cunha personalidade se cadra diferenciada e que os rinlegos e as rinlegas están moi orgullosas de seguir levando así. Sabemos que a día de hoxe hai máis percebeiros e percebeiras que se viñeron incorporando que, aínda non sendo de Rinlo, son como os xogadores dun equipo que defenden as cores da camiseta aínda que non sexan orixinarios desa parroquia”.
E engadiu que “desde o Concello de Ribadeo nosoutros apoiamos, como sempre, na organización, na intendencia moitas veces complicada de tanta xente que se achega, na xestión dos aparcamentos, na xestión da información turística, etcétera. Se o tempo acompaña e senón o fai tamén, tanto nos ten aos de Ribadeo e aos de Rinlo, sempre ven moita xente. Está sendo coñecido no mundo enteiro, xa non soamente en Galicia nin no Estado, e esta Festa do Percebe xa colleu un carácter de consolidación desde hai moito tempo e confiamos en que siga saíndo tan ben como nestes últimos anos. Non podemos aspirar a que sexa mellor porque sempre sae ben. Esperemos que vendan moito percebe, que poñan en valor o produto que é de aquí, que non se fai como noutros sitios, onde se apaña fóra se vende como de aquí. As percebeiras e os percebeiros van estar os días antes traballando arreo apañando nos percebes nos mellores sitios onde os teñen reservados e custodiados todo o ano, a pesar dos furtivos. E van aportar o mellor percebe do mundo, que é o de Rinlo, como moito respecto para os demais, para unha das mellores festas do mundo, que é a do percebe de Rinlo”.
Os percebeiros contaron que “haberá unha carpa, como todos anos, onde se servirán os percebes. En total poranse á venda uns 700 ou 750 quilos ao prezo de 13 euros a ración, que é de 250 gramos”.