A Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro continuará co seu programa cultural Adral, o vindeiro domingo, 13 de marzo, coa presentación en Sevilla da Semana Santa viveirense. No acto, que terá lugar ás 11:00 horas na igrexa de San Ignacio de Loyola, intervirán o presidente da Xunta de Cofradías, José Veiga, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. Despois ofrecerá un concerto a banda Nuestra Sra. De la Misericordia de Viveiro.
O venres, 18 de marzo, ás 20:30 horas na igrexa do Convento da Concepción, actuará o Grupo de Gaitas do Conservatorio de Música de Viveiro. O xoves, 24 de marzo, ás 20:30 horas na igrexa de Santa María, ofrecerán un concerto os Alumnos de Vento do Conservatorio de Música de Viveiro. O sábado, 26 de marzo, celebrarase o X Certame de Bandas Cidade de Viveiro e ás 19:30 horas haberá pasarrúas polo casco vello de Viveiro para a partires das 20:30 horas, na praza Jacinto Calvo, desenvolverse o certame no que participarán as bandas Tau CCTT de Viveiro, Nª Señora da Misericordia de Viveiro, Naval de Viveiro e A.M. Ntra. Sra. Del Carmen de Ferrol.
O venres, 1 de abril, ás 20:30 horas na igrexa de Santa María, ofrecerá un concerto o Coro do Conservatorio de Música de Viveiro. O sábado, 2 de abril, ás 20:30 horas na igrexa de San Francisco, haberá un concerto da Banda Municipal de Música O Landro de Viveiro. O martes, 5 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz, ofrecerá a conferencia de clausura o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. Despois terá lugar a presentación da revista Pregón. O sábado, 9 de abril, ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz, pronunciará o pregón a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. A presentación correrá a cargo de José Manuel González Páramo e pechará o acto a Coral Polifónica Alborada de Viveiro.