A Festa da Troita da Pontenova, declarada de interese turístico e de interese deportivo nacional, terá lugar os días 30 de abril e 1 de maio.
O 30 de abril haberá sesión vermú ás dúas da tarde con disco móbil Chocolate. Ás oito entrega pública das distintas “Troitas de Ouro e Recoñecementos de Honra” a Nacho Rojo, editor do programa Caza y Pesca; a Rubén Santos, tres veces campión de España de Pesca á Mosca; e á plataforma Mina de Touro NON.
Xa ás nove da noite será o pregón a cago de Xabier Fortes, director e presentador do programa La Noche en 24 de TVE. E ás dez da noite será a apertura da caseta e a degustación de troitas.
Haberá verbena amenizada pola orquestra Cinema e por disco móbil Chocolate.
E o 1 de maio ás nove da mañá darán comezo os concursos de pesca (lance, salmón e mosca). E iniciarase a II Ruta Festa da Troita Vía Verde. Ás 13:30 horas rematarán os concurso coa pesaxe e clasificación. Haberá sesión vermú e verbena amenizada por Salsarena. Ás seis da tarde celebrarase a entrega de trofeos no salón de actos da Casa da Cultura.
A Festa da Troita está organizada polo CIT A Pontenova, coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.
O CIT A Pontenova tamén organiza a II Ruta Festa da Troita que se celebrará o día 1 de maio.
O programa dará comezo ás 9:30 horas coa concentración dos participantes na Praza dos Fornos. Ás 10:00 horas terá lugar a saída dos autobuses cara ao comezo da ruta e ás 13:30 horas procederase á clasificación das capturas realizadas polos pescadores. Durante o percorrido da ruta poderanse observar os lances efectuados polos pescadores participantes no concurso de pesca nas súas diferentes modalidades.
A inscrición é totalmente gratuíta e pódese realizar ata o 29 de abril en turismo@concellodapontenova.org, nos teléfonos 982 34 21 01 e 697 532 809 ou acudindo persoalmente á Oficina de Turismo, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas de martes a sábado e de 10:00 a 14:00 h. os domingos.
A distancia da ruta é de 12,4 quilómetros, cunha duración de dúas horas e media e dificultade baixa.
O Concello da Pontenova colabora na organización deste evento.