Foz acollerá o 15 de agosto, domingo, a décimo segunda edición da carreira popular Run Foz Run, para a cal xa está aberto o prazo de inscrición. O día anterior, sábado 14, haberá unha andaina, que empezará ás 20:00 horas.
O domingo 15 as carreiras comezarán ás 10:00 horas e haberá probas nas seguintes categorías: cadete, infantil, alevín, benxamín, pícaros e absoluta. Esta última esta programada para as 11:00 horas.
A organización explica que os participantes terán que portar un dorsal no peito en todo momento ben visible. Recomendan recollelo o sábado 14 en horario de 17 a 20 horas no CENIMA de Foz, situado na Travesía da Riveira, onde ademais estará a saída e a meta. Excepcionalmente os corredores poderán recoller o dorsal o día da proba na carpa da organización en horario de 08:30 a 09:30.