Xa está na rúa o oitavo número de A Gaceta Ribadense, o xornal que se edita con motivo do Ribadeo Indiano

Xa está na rúa o oitavo número de A Gaceta Ribadense, o xornal que edita Faro Norte Comunicación con motivo da celebración do Ribadeo Indiano. Desde hoxe, mércores, estase a distribuír entre os negocios e institucións participantes, ademais de nos principais puntos de venda de xornais da vila ribadense.

Esta publicación, que conta con 32 páxinas e unha tirada de 4.000 exemplares, é posible grazas ao apoio por parte dos anunciantes e dos autores que colaboran cos seus artigos. Neste apartado hai novas incorporacións: a xornalista Sara Jaureguizar e a politóloga e historiadora Aida Álvarez. Pero tamén participan cos seus escritos de novo neste número colaboradores habituais deste xornal como Carlos Álvarez Lebredo,  Pablo Rodríguez (Vivín) e María José Fernández Azpeitia.

Ademais nesta publiación recóllense testemuños e historias, en formato entrevista ou reportaxe, da pregoeira desta edición do Ribadeo Indiano, a profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela Pilar Cagiao; de emigrantes como Manolo López ou tres membros da familia Paraje; e do equipo da empresa ribadense Rotugraf que elaborou todos os carteis e demais material gráfico do Ribadeo Indiano desde o primeiro ano.

Inclúe tamén a sección habitual dedicada ás fotos da anterior edición do evento, na que aparecen moitas persoas (ribadenses e visitantes) participando no Ribadeo Indiano do ano pasado, entre outros contidos.

Do deseño desta gaceta indiana ocúpase Justo García; da edición, Faro Norte Comunicación; e da coordinación, Carmen Cruzado e Beni Mántaras.