O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou no Salón de Actos do Pazo de San Marcos xunto con María Loureiro, Deputada de Muller e Igualdade, e Gema Domínguez, xestora de Comunicación de Coca-Cola European Partners Iberia, o programa Xira Mulleres, que se desenvolverá durante a primeira quincena de marzo na provincia de Lugo. Trátase dun proxecto que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e impulsar o emprendemento feminino a través de obradoiros.
Eses talleres, que impartirá Alma Natura, desenvólvense baixo o nome de Viaxe ao emprendemento, e están destinados a aquelas mulleres que queren emprender e desenvolver unha idea de negocio vencellada ao sector da alimentación e bebidas.
“A igualdade real entre mulleres e homes en todos os ámbitos, tanto social, como económico e laboral, é un obxectivo prioritario da Deputación de Lugo, no que traballamos de maneira transversal porque cremos que é imprescindible para unha sociedade realmente democrática.Por iso, apoiamos este programa, Xira Mulleres, porque cremos que é unha iniciativa que contribúe a cambiar a realidade que a día de hoxe describen os datos”, subliñou o Presidente, quen lembrou que “as mulleres teñen maior precariedade, maior temporalidade, e maiores dificultades de acceso, permanencia e promoción no mercado laboral.En Galicia, as mulleres cobran de media preto de 5.500€ menos ao ano que os homes, e na nosa provincia, o 55% das persoas sen emprego son mulleres”.
Deste xeito, proxectos como o de Xira Mulleres“son útiles e necesarios para axudar a darlle a volta a esta situación de desigualdade, e que as mulleres desempeñen un papel fundamental no desenvolvemento económico do territorio e tamén para frear o despoboamento a través do acceso ao emprego e ao autoemprego, mediante a información, a formación, o asesoramento e acompañamento nos seus itinerarios de inserción laboral”, asegurou José Tomé.
Os obradoiros desenvolveranse en Monforte de Lemos,Viveiro, A Fonsagrada, Cospeito e Guitiriz. En total, formarase a medio cento de mulleres da provincia de Lugo, que se poden anotar de forma gratuíta no teléfono 959 19 7729, no seguinte enderezo electrónico: https://preinscripcion.giramujeres.com/fundacionmujeresou a través do Concello no que se imparte o obradoiro.
14.000 mulleres en toda España
Xira Mulleres é un programa, cofinanciado por The Coca-Cola Foundation, dirixido a mulleres que queren empregarse ou desenvolver unha idea de negocio vencellada ao sector da alimentación e bebidas. Constitúe unha oportunidade para o desenvolvemento do talento e das capacidades de traballo das mulleres a través dun programa de formación e mentoría que contribúa ao seu avance profesional, adaptado aos diferentes obxectivos das participantes.En total, case 14.000 mulleres participaron nas tres edicións de Xira Mulleres en toda España.