A mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional propón ademais das funcións un amplo programa de actividades de convivencia e sensibilización
O Concello de Viveiro celebra entre os días 16 e 22 de outubro a 5º edición de Superarte, a mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional.
“Superarte é xa un sinal de identidade do noso goberno local, un piar desde o que construír paso a paso un Viveiro máis inclusivo; o certame cumpre a súa quinta edición como un referente na visibilidade das persoas con diversidade funcional”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A mostra adícase este ano ao dano cerebral adquirido e conta como en cada edición coa colaboración dunha asociación. Para este ano, o Concello de Viveiro implicou á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane).
“Agradecémoslles o seu esforzo guiándonos na programación desta edición”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.
Durante unha semana, Superarte proporá unha ampla programación gratuíta, na que se inclúen varios eventos alén das obras de teatro. Entre outras actividades, programouse a iniciativa ‘O Comercio Inclúe’, con xornadas de convivencia entre o Centro Comercial Histórico de Viveiro e Aspanane, e unha Festa para a Diversidade.
Haberá tamén exposicións, talleres de fotografía e actividades de sensibilización en colexios de Infantil e institutos a cargo de Fegadace. “Como cada ano, un dos nosos obxectivos é plantar a semente da inclusión na rapazada para crear así unha sociedade inclusiva no futuro”, explica a concelleira de Cultura.
“Esta mostra é un evento pioneiro en Galicia, porque outorga espazos nos que as persoas con diversidade funcional expresan a súa arte e crean relación co resto da comunidade”, finaliza Fernández-Noriega, que agradece a implicación das distintas asociacións no proxecto.