Viveiro acolle unha nova edición do campus do Deportivo da Coruña do 1 ao 5 de xullo

O Concello de Viveiro acolleu a presentación dunha nova edición do DéporCampus Cabreiroá, que se celebrará coa colaboración da SD Viveiro do 1 ao 5 de xullo.

“Despois do éxito do ano 2023, con máis de 100 participantes, repite un dos DéporCampus Cabreiroá con máis edicións, xa que está en activo desde 2016”, destaca o Concello de Viveiro.

Á presentación asistiron Jesús Fernández Fernández, segundo tenente de alcaldesa de Viveiro; Francisco Rojo Vizoso, presidente da SD Viveiro; e Sergio Maurente, coordinador do Programa Local da Fundación RC Deportivo.

A actividade está destinada a nenos e nenas desde os 6 aos 14 anos e terá un horario de 10:00 a 14:00 horas entre os días 1 e 5 de xullo. Os interesados poden consultar toda a información da sede de Viveiro e realizar o proceso de inscrición ata as 14:00 do martes 25 de xuño nesta ligazón: https://deporcampus.rcdeportivo.es/é/viveiro-2024/inicio.

Para calquera dúbida ou consulta coa súa inscrición, os interesados poden contactar directamente coa organización na dirección de correo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es.