A Vinoteca Fumarel, de Ribadeo, celebra a súa primeira Festa do Centolo desde hoxe, venres, ata o 2 de decembro. Todos os días, para as comidas e as ceas, ofrece uns magníficos centolos das Rías Baixas a un prezo extraordinario, a 25 euros o quilo. Para participar neste evento gastronómico pode reservarse no propio establecemento, que está na rúa Doutor Moreda, ou chamando aos teléfonos 982.130.225 ou 639.15.67.38.
O propietario da Vinoteca Fumarel, Gervasio Cao, explicou que “seguindo a filosofía de Fumarel de achegar produto que non é moi habitual consumilo, ben por prezo ou porque tampouco hai moita oferta, e o mellor exemplo é o do cocido, que sempre defendín que por que hai que ir a comelo a outro lado podendo traelo para comelo aquí, pois ocorréuseme o mesmo: estaba de viaxe, vin que se abrira a veda do centolo e pensei que estaría ben traelo para facer unha degustación a un prezo moi razoable”.
Gervasio Cao engadiu que “é o momento óptimo de comer centolo, porque agora están máis cheos que a semana pasada e de momento teñen un prezo moi razoable, que despois se multiplicará por tres”.