
O Concello de Trabada, coa colaboración do Motoclube A Cadeira e a asociación cultural O Picato, organiza o sábado 21 de decembro un Mercadiño de Nadal con actuacións musicais e actividades para os nenos e nenas. “Queremos que o deste ano sexa un mercadiño especial, un lugar de encontro da veciñanza e os que nos visitan para dar comezo ao Nadal”, asegura o alcalde de Trabada, Rubén García, que presentou o cartel coa tenente de alcalde, Julia María Barcia, e representantes do Motoclube A Cadeira e a asociación O Picato.
O mercado, que será de 12:00 a 20:00 horas na praza do Concello, terá produtos locais e artesanais de proximidade, a actuación da Coral Entre Ríos, Papanoelada moteira con chocolate e biscoito gratis e a visita de Papá Noel e o Apalpador. Ademais os nenos e nenas terán inchables gratis durante toda a xornada e pintacaras. O concello aproveitará o mercadiño para celebrar o acendido das luces do Nadal.
“Será un sábado moi especial, de ambiente de Nadal, encontros e fraternidade ao que convidamos a toda a veciñanza”, engade o alcalde.