Todo está listo para a apertura de RibaXogo no parque de San Francisco. Este centro de ocio infantil e xuvenil abrirá as súas portas mañá, día 21, a partires das 12 do mediodía. Esta mañá estiveron supervisando as atraccións que están dentro e fora da carpa o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, e o presidente de Acisa, Francisco Iriarte.
Vizoso dixo que “todo está preparado en RibaXogo para recibir á xente que nos pode visitar para desfrutar deste espazo de ocio para xs máis pequenxs e tamén para xs adolescentes. Trátase dunha oferta coa que o Concello asume un esforzo económico moi importante en colaboración con Acisa”.
O concelleiro de Turismo e Comercio subliñou que “o que pretendemos é atraer xente ao comercio de Ribadeo nestas datas de Nadal e animar tamén o ambiente do noso concello. Preparamos un montón de eventos arredor de RibaXogo, non só son as atraccións que hai dentro da carpa, xa que fora tamén haberá actividades todos os días como karaoke, a visita das mascotas Disney, do Apalpador ou de Papá Noel”.
Pablo Vizoso considera que “é unha das poucas veces, por non dicir a primeira, que se instala algo así na comarca da Mariña, sobre todo pola cantidade de tempo que vai estar aberto este centro de ocio infantil e xuvenil. Serán algo máis de dúas semanas e sobre todo tamén a prezos populares. Estamos falando dunha entrada de tres euros para o horario de mañá ou de cinco euros para todo o día. Estes prezos veranse bonificados cun desconto do 50%, presentando os tíckets dos comerciantes de Acisa”.
O edil nacionalista engadiu que “se trata dunha oferta para todos os públicos e animamos a toda a xente da contorna, de Galicia e de Asturias, a que nos visiten estes días e desfruten de RibaXogo”.
En RibaXogo desde mañá, sábado, haberá numerosas atraccións para nen@s e rapaces de todas as idades: multicircuíto de cars (a pedais) ou bañeiras tolas, simulador de surf, espazo infantil e para obradoiros, rokomonte, barredora ou wipe out, parede interactiva e, ademais, nunha parte anexa á carpa estará a atracción Battle Area para xogar con dispositivos Nerf, lanzamento de bolas de esponxa nun xogo de equipos e de estratexia.
RibaXogo estará aberto todos os días desde o 21 deste mes ata o 5 de xaneiro, excepto o 25 de decembro e o 1 de xaneiro. De luns a xoves o horario de apertura será de 17 a 21 horas e os venres, sábados e domingos funcionará ademais de 12 a 14 horas e tamén polas tardes de 17 a 21 horas. Os días 24 e 31 de decembro, é dicir Noiteboa e Anovello, abrirá de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou que “perseguimos facer de Ribadeo o centro do Nadal en Asturias e Lugo”. E insistiu en que “aquelas persoas que fagan as súas compras ou consumicións nos establecementos asociados terán un desconto do 50% nas entradas para RibaXogo. Agardamos que esta nova aposta sexa do agrado de todos os ribadenses e visitantes”.