Están organizadas por Acisa Ribadeo coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela. Na cita gastronómica participan 21 locais hostaleiros.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, lembrou que “do 17 ao 19 de maio terán lugar as primeiras Xornadas da Cabala de Burela nas que participarán 21 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. A OPP facilítanos de forma gratuíta preto de 90 quilos de cabala que distribuímos entre os bares, mesóns e restaurantes sen ningún tipo de custe para eles”.
Os locais participantes son: Queimada, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo, La Quinta, A Horta de San Roque, O Indiano, La Solana, A Mirandilla, La Bugalla, Javier Montero, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Cayo Coco, Costa Verde, A Menchina, La Flor de Jose, Kalpa Amodiño, Mesón D´Cata, Mareta e Barallocas.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, subliñou que “esta é xa a terceira vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que iniciou a actual directiva coas xornadas da lura e as da merluza de Burela e que segue agora coa cabala”.
Cruzado Iglesias puntualizou que “o que lles aportamos aos 21 locais é unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Os bares van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto de tempada como é a cabala ou xarda”.
Pérez Prada indicou que “con estas xornadas o que pretendemos é axudar á dinamización do sector hostaleiro nesta data tan especial que coincide coa celebración das Letras Galegas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano a quedarse ou a vir a Ribadeo a disfrutar dunha proposta gastronómica diferente”.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense engadiu: “desde Acisa queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP-7 para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas en Ribadeo. As da pescada, que fixemos en novembro, tiveron unha moi boa acollida, que agardamos repetir nesta ocasión coa cabala ou xarda”.
No acto de presentación das Xornadas de Cabala de Burela participaron o presidente e o xerente da OPP-7 de Burela, Juan José Otero e Sergio López, o xerente de Absa, Miguel Neira, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.