A XVII edición da Feira Expomar que terá lugar en Burela entre os días 25 ao 28 deste mes, acollerá máis de 300 firmas do sector nos case 200 stands do recinto feiral. O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, subliña a elevada demanda dos profesionais para estar presentes nesta feira náutico pesqueira, que foi presentada este mediodía no barco museo Reina del Carmen.
O rexedor salientou que “vimos de facer esta presentación en Burela no barco-museo Reina do Carmen que se dedicou moito tempo ao bonito e polo tanto nada mellor que facelo aí”.
O alcalde burelés destacou que “está todo o recinto da feira ocupado, non soamente dentro senón que ademais vanse facer actos fora derivado da demanda que hai este ano de formar parte da feira exposición náutico pesqueira aquí en Burela. Consideramos que é moi bo que ocorra isto, que haxa demanda e que o propio sector estea preparándose e innovando constantemente porque iso quere dicir que vai ben. Hai que actuar con optimismo porque posiblemente esta feira sexa un indicativo de que o sector empeza a dar pasos bos e sempre en positivo”.
Alfredo Llano detallou que “a apertura vai ser o xoves da vindeira semana, o día 25, á unha e media da tarde. Na inauguración estará a conselleira do Mar, Rosa Quintana. O peche desta edición farémolo o domingo 28 á unha do mediodía e correrá a cargo do presidente da Deputación, Darío Campos”.
O presidente de Expomar manifestou que “aquí vai haber durante estes días a tecnoloxía máis vangardista que se pode aproveitar para os barcos de pesca en aspectos como a seguridade e a electrónica. Polo tanto pensamos que vai ser unha boa oportunidade para que veñan todos os profesionais, pero tamén a xente profana para ver cómo se move este mundo, o espectáculo que é por exemplo ver as hélices dos propulsores e a electrónica que hai alí. Así que queremos invitar a todo aquel que estea interesado por algunha razón, que se achegue a Burela onde vai presenciar a mellor feira náutico pesqueira que hoxe por hoxe se fai en toda España”.
Llano quixo “animar tamén a que vaian tanto profesionais como xente interesada ás xornadas técnicas que imos realizar os días 25 e 26. Están dedicadas este ano a aquilo que preocupa ao sector como é o brexit, os descartes ou os caladoiros, todo aquilo que agora mesmo está aí no plano da negociación e vinculado ao que é o sector e a industria. Imos ter tamén o encontro empresarial que sempre é moi decisivo para tomar opinión e plantexar diante das administracións o comportamento que deben ter para defender un sector que agora mesmo debemos apoialo e consolidalo como un motor extraordinario da economía e da sociedade polo menos en Galicia”.
O rexedor burelés lembrou que “imos ter como novidade unha homenaxe a Salvamento Marítimo, tanto ao helicóptero como ao barco, e tamén á Cruz Vermella. Imos facer unha homenaxe moi merecida desde o mundo do mar e a través de Expomar”.
Alfredo Llano declarou que “este ano contamos cun orzamento aproximado duns 170.000 euros. Enchemos todo o recinto, hai case 200 stands con máis de 300 marcas”.
O presidente de Expomar insistiu en “animar a todo o mundo que queira achegarse eses días por Burela, creo que vai levar unha boa lembranza tanto de Expomar como da localidade. Hai que pensar que é unha das feiras que ten o epicentro en Burela, pero é pensando en todo o sector tanto galego como español. Todo o mundo que se achegue vai saír moito máis preparado e informado”.