A compañía Teatro dos Ghazafelhos estará este domingo, 19 de marzo ás 17.30 horas, no Cine Teatro de Ribadeo. O público que acuda poderá gozar dun espectáculo teatral sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais.
Dirixido a nenas e nenos de 5 anos en diante e ás súas familias, "Iriña Bailarina" esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a anoa a dar voltas sen cesar para poder xogar ao futbolín, ser pirata ou mesmo, se quere, poder engordar, isto é, para quebrar ou modificar a súa propia sorte ou fado.
Con "Iriña Bailarina" Teatro Ghazafelhos pretende que reflexionemos en familia sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os esterotipos sociais.
Ghazafelhos é unha compañía nacida en Narón no ano 2006. Inicianse con pequenas obras de títeres, contacontos e teatro de rúa, e especialízanse en teatro actoral, consolidándose en pouco tempo como unha das compañías galegas de referencia para público familiar. Ghazafelhos compóñena Montse Piñón, Pepablo Patinho e Jorge Casas.