A Semana Santa de Burela será a protagonista da exposición que se inaugurará o vindeiro venres, 11 de xaneiro, na Deputación Provincial de Lugo. Alí poderá visitarse ata o 27 deste mes. Para o alcalde burelés, Alfredo Llano, trátase dun bo escaparate para dar a coñecer a Semana Santa burelesa.
O rexedor anunciou que “o próximo venres, día 11, vai haber a apertura dunha exposición da Semana Santa de Burela, que se titula Hai un lugar para ti, e vaise facer ás cinco da tarde na Deputación Provincial de Lugo, na praza de San Marcos. Está organizada pola asociación cultural Semana Santa de Burela e o Concello tamén quere colaborar e aportar o que poidamos para que a esa inauguración vaia o máximo de xente posible. Queremos animar a que as persoas que dalgún xeito queren estar alí presentes para esa inauguración que se aproximen se poden ata Lugo”.
O alcalde subliñou que “vai estar nunha das mellores salas de exposicións que hai en Lugo, na propia Deputación. Penso que vai ser un bo escaparate para ver o que se fai en Burela e darlle unha importancia grande tanto á organización como á propia Semana Santa de Burela. Creo que é unha boa motivación para achegarse a vela e dicir que en Burela tamén se están facendo cousas para atraer, promover e dar categoría ás procesións na nosa Semana Santa”.
Alfredo Llano engadiu que “vai estar aberta desde o 11 ata o 27 de xaneiro. Vai estar nunha sala extraordinaria e moi espectacular. Vai ser bonito, é unha exposición ben traballada. Quero animar aos veciños e tamén á xente que se atope por alí da comarca, sería de agradecer que foran a visitala”.