Segunda fin de semana na que se repite a colaboración entre Centro Histórico de Viveiro, a Asociación Prato-Do e Cines Viveiro

Desde o CCH comentan que “Como adiantamos no anterior comunicado, a iniciativa da colaboración con Cines Viveiro sería nesta ocasión en dúas fin de semana consecutivas. A fin de semana pasada os vales foron entregados nos colexios de Viveiro, e nesta segunda fin de semana estanse a entregar nos colexios CEIP plurilingües Virxe do Carme e Vista Alegre de Burela, CEIP de Cervo e CEIP Península de la Paz en Cervo, CEIP do Vicedo, e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove, chegando así a outros colexios da comarca”.

E lembran que “se trata de vales desconto de 2€ para poder ver 4 películas de animación e aventuras a elexir, Migración, Wonka,  Vampiro al Rescate  y El Fantasma de Canterville. É importante recalcar que é necesario entregar o vale físico en taquilla para que se poida aplicar a promoción. Se acude un núcleo familiar e os rapaces entregan os vales, tamén se lles aplicará o desconto ó resto de membros desa unidade familiar. Así pois, o desconto será directo ó presentar o vale en taquilla, pero tamén se pode canxear previamente ó comprar a entrada online en www.cinesviveiro.com cas indicacións que figuran no propio vale, este sistema é moi rápido e sinxelo e garantiza que xa tes o teu sitio reservado ó chegar, aínda que no momento de entrar non exime de entregar igualmente o vale na entrada. O aforo é limitado e por iso se recomenda o sistema de sacar a entrada online. Igualmente, o cine abrirá as súas portas 30 minutos antes do inicio da sesión para que a xente poida ir con tempo e así intentar evitar as esperas”. 

Desde o CCH subliñan que “o obxectivo segue a ser o de poñer en valor o cine, e achegar a cultura cinematográfica ós mais novos, pero sempre desfrutando dende unha butaca de sala de cine e nunha gran pantalla. A fin de semana pasada foron moitos os rapaces e familias que acudiron ó cine con esta promoción e que nos trasladaban os parabéns por este tipo de iniciativas, cas que poden desfrutar dunha actividade en familia, a un precio moi asequible e desfrutando de estreas de grandes películas ó mesmo tempo que nas grandes vilas. Un luxazo para Viveiro poder ofertar un tipo de ocio así”.