O Concello de Cervo, coa colaboración da Asociación Anxuela, organiza a III Carreira San Silvestre que sairá da Praza dos Campos o 31 de decembro, día de fin de ano; como é tradicional.
Así o anunciou o edil de Deportes do Concello de Cervo, José Ramón Soto, na presentación do evento, que tivo lugar na Praza dos Campos de San Ciprián; na que estivo acompañado polas edís de Xuventude e Servizos Sociais, e os rapaces que colaboran na organización da cita deportiva.
A saída está prevista para as 11:30 horas da Praza dos Campos. As inscricións anticipadas pódense formalizar ata o día 30; chamando ou enviando un whatsapp ao número de teléfono 691.65.66.00 ou un correo electrónico a sansilvestre@gmail.com. Os participantes poderán anotarse tamén ese mesmo día, na Praza dos Campos, entre as 10:00 e as 11:00 horas. É necesario aportar nome e apelidos, data de nacemento, procedencia e o DNI.
A recepción dos participantes, que deben ter de 14 anos en diante, será entre as 10:00 e as 11:00 horas, cando se fará entrega dos dorsais correspondentes.
O circuíto programado é duns 5 quilómetros aproximadamente; dende a Praza dos Campos, dirección cara ás Antigas Fábricas de Salazón, atravesando toda a Avenida da Mariña, caro o Faro Punta Atalaia, o Porto de San Ciprián e con chegada de novo á Praza dos Campos.
Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina, e tamén ao mellor cervense a á mellor cervense.
Todos os participantes serán agasallados cunha medalla.
O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a participar na Carreira San Silvestre e a despedir o ano facendo deporte, percorrendo diferentes recunchos do noso municipio.