O Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá acollía este mediodía a presentación da Ruta da Faba. Trátase dunha ruta que xira arredor dos principais tesouros desta terra, arte, gastronomía e o cultivo da recoñecida leguminosa. Inclúe visitas guiadas ao Mosteiro e á Igrexa de San Salvador, ao Museo de Arte Sacro, ao Pazo de Tovar, ao Centro de Interpretación da Faba, a área recreativa do Muíño do Pereiro e ao Miradoiro da Valiña, ademais de degustación de faba de Lourenzá e outros produtos típicos desta comarca como a merluza de Celeiro ou o bonito de Burela. Nesta iniciativa participan a Mancomunidade de Municipios da Mariña, o Concello de Lourenzá e a Xunta de Galicia.
O presidente da Sociedade Cooperativa Terras da Mariña, Jose Cuadrado, explicou na presentación que “o proxecto xurde dunha idea da Cooperativa Terras da Mariña xunto co Pazo de Tovar e o Forno de Tovar de potenciar a faba de Lourenzá, coa idea de mostrarlle ao mundo e ao turista un pouquiño a trazabilidade, de onde sae. Estamos acostumados a ver a faba xa no saco envasada e despois no prato, pero moita xente descoñece o que hai detrás diso. Falamos de que é un produto caro, entón demostrarlle ao público o que hai detrás de todo iso”.
Jose Cuadrado engadiu que “pensamos darlle forma involucrando a faba como elemento principal desta ruta, pero tamén intentamos dar a coñecer os atractivos turísticos neste caso do concello, tamén diversificar a oferta turística coa idea de impulsar o desenvolvemento e a conservación do patrimonio histórico e cultural do concello sempre ao redor da faba. É un proxecto piloto que nace en Lourenzá, pero a idea é estendelo ao resto de concellos da Mariña. Neste caso é un día aquí, pero a idea é pasalo a tres ou catro días potenciando tamén o resto de recursos turísticos de concellos. O ámbito xeográfico da faba de Lourenzá é os quince concellos da Mariña lucense, nos quince concellos hai explotacións de faba, e a idea é que este proxecto vai medrando pouquiño a pouco e facelo extensible ao resto de concellos da Mariña. É a idea, vender a Mariña como un paquete conxunto”.
Cuadrado detallou que “a ruta consiste en pasar un día completo no concello, leva incluída unha visita á igrexa e ao mosteiro, ao Museo de Arte Sacro, unha visita ao Centro de Interpretación da faba, despois iríamos ata a parroquia de San Xurxo e alí faríamos unha pequena ruta de sendeirismo, apta para todas as idades. A visita continúa pola parroquia de Santo Tomé e San Adriano. Todo isto acompañado por un guía que vai explicando á xente as características de cada parroquia. Durante este percorrido, en función da época do ano, pararíase nas explotacións dos agricultores que de primeira man irían explicando o proceso da faba. Por exemplo na época de recollida incluso pode participar xente, na época de preparación dos terreos explicando porqué se fai así, que a xente coñeza todo o traballo que leva detrás. Continuaríase ata o Pazo de Tovar onde se faría a visita con comida incluída no restaurante xirando en torno á faba, pero tamén con produtos da zona como pode ser bonito de Burela ou merluza de Celeiro. A visita concluiría na cooperativa Terras da Mariña para explicar á xente cómo se procesa e cómo se prepara a faba para saír ao mercado. Así a xente pode levar unha idea global de todo oo ciclo produtivo. Esperemos que a ruta sexa do agrado de todos, que teña éxito e ao final poida ser extensible ao resto de concellos da Mariña”.
Pola súa banda o xerente do restaurante ubicado no Pazo de Tovar, Jorge López, salientou que “cando falamos de gastronomía falamos de faba como motor principal, en Lourenzá gastronomía e faba van collidas da man. A faba é moi versátil, non só existe na fabada e nosoutros queremos combinala tanto a verdina como o salpicón coa merluza de Celeiro, co bonito, poderíanse facer unhas fabas con percebes de Rinlo, etc… Daríamos a escoller aos visitantes qué tipo de menú elixir. Gastronomicamente todo o mundo coñece a faba, sabe que se pode facer de mil maneiras e nosoutros queremos demostrar que si é posible, que se pode comer tanto no verán como inverno, como prato principal, como entrante e como postre está en proceso tamén”.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, subliñou que “como laurentina é un orgullo ver cómo nace este proxecto turístico que leva por nome a Ruta da Faba porque nacendo aquí non podía levar outro nome. A faba é o noso produto estrela, é a xoia que nace nas terras laurentinas, a súa textura, o seu sabor e a súa cor fana única e recoñecible en todo o mundo. Cada ano celebramos a primeiros de outubro a nosa cita gastronómica por excelencia, a Festa da Faba, declarada de Interese Turístico Galego. Este proxecto é un pasiño máis nese recoñecemento de calidade da nosa faba que leva consigo unha posta en valor do noso patrimonio histórico e arquitectónico, o Pazo de Tovar, a igrexa de Santa María de Valdeflores, o mosteiro de San Salvador simplemente son algunhas das marabillas patrimoniais que podemos atopar neste percorrido”.
Para Rocío López “a Ruta da Faba pretende ser un destino turístico e un reclamo para o visitante, pero non só para visitar Lourenzá senón tamén outros lugares da Mariña, dende a praia das Catedrais en Ribadeo, ata a fervenza de San Estevo en Barreiros, a igrexa de San Martiño de Foz, a catedral de Mondoñedo ou a Torre de Castrodouro en Alfoz e poderíamos ir citando outros lugares e outros monumentos que o turista pode atopar na nosa comarca”.
Pola súa banda o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, declarou que “a Mancomunidade ten xa algunha ruta como é a Ruta dos Artesáns, que trata de motivar que veña xente á nosa comarca. Queremos facelo ademais, e penso que debe ser compartido por todos, dunha maneira sostible, que flúa o turismo pola nosa comarca, pero que non sexa un turismo de consumo unicamente para aparecer dez minutos nunha zona concreta, senón que se veña coa familia e estar uns cantos días. Estas iniciativas o que traen consigo é que van abrir un campo grandísimo con respecto á comarca porque vai ser un pretexto para dar a coñecer todo o que somos aquí. Lourenzá é o protagonista da faba e hai moitos concellos agora mesmo que están producindo faba e de grande calidade. É un medio económico, pero tamén é un medio cultural extraordinario. Con esta iniciativa imos gañar todos pero tamén a provincia de Lugo porque isto vai ser coñecido en moitos sitios”.
O director xerente de Agaca, Higino Mougán, cre que “é un acerto para valorizar o produto. Isto debería ter unha repercusión moi positiva para todos os produtores da faba en xeral, tal como tivo na zona de Rías Baixas o albariño. Estamos falando de produtos moi ligados a unha zona. Tamén me parece un acerto absoluto que esteades aquí institucións moi diferentes. Isto é proxecto de moitos, un proxecto de comarca e tedes que tirar todos, Concellos, Mancomunidade, a Xunta, a cooperativa e todo tipo de asociacións que estades neste lugar. Cando se pon en marcha algo tan colectivo ten que implicarse todo o mundo”.
Tamén asistiu a esta presentación da Ruta da Faba, Belén do Campo, directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias, quen manifestou que “agardamos tamén que a promoción dos tesouros desta zona da Mariña como é o patrimonio cultural desde ese Mosteiro de San Salvador, declarado Ben de Interese Nacional desde 1974, ou esa natureza privilexiada que se pode contemplar do miradoiro de Valiña e toda a arte que temos nos 16 concellos da Mancomunidade, vai poñer en valor tamén a faba de Lourenzá. A faba de Lourenzá é o elemento indispensable para a posta en valor desta zona desde o punto de vista da promoción turística e do seu territorio. O alarde que representa cada ano a Festa da Faba fai que non teñamos dúbida de que sen faba non habería esta ruta que en breve formará parte tamén do que son as rutas gastronómicas de Galicia”.
Para Belén do Campo “entre todos temos que axudar ao campo galego a que se desenvolva con todas as súas potencialidades, empuxando dende todos os sectores, facilitando o camiño cara a consecución das metas fixadas para poder encarar o futuro con optimismo”.
Ao acto celebrado en Lourenzá asistiron, entre outros, alcaldes coma os de Barreiros ou Mondoñedo, Alfonso Fuente e Elena Candia, o tenente de alcalde de Alfoz, Xavier Pardiñas, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, así como representantes doutros Concellos mariñáns e de colectivos e asociacións da zona.