O Concello do Vicedo presentou o cartel da segunda edición da Romaxe Viquinga, que se celebrará na praia de San Román o vindeiro sábado 29 de xullo. O acto de presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura do municipio, contou coa presenza de Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; José Manuel Balseiro Orol, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; José Jesús Novo Martínez, alcalde do Vicedo; Mago Queiman e Andrea Pousa, directores artísticos do espectáculo; Iñaki Sagredo, arqueólogo; e Jesús Martínez, en representación da ACIA O Vicedo.
Na edición de 2017 a organización reforza a Romaxe Viquinga, cuxo pregón terá lugar o venres 28 de xullo a cargo do xornalista Ernesto Sánchez Pombo. Este mesmo día haberá ambientación musical polas rúas do Vicedo e os locais de hostelería ofrecerán unha ruta de tapas viquingas en horario de tarde - noite. A ampliación da festa débese ao éxito de asistencia da primeira edición. O alcalde resaltou a importancia da implicación dos veciños na festa, tanto desde asociacións como individualmente. Tamén salientou que se está a preparar un novo barco máis grande e vistoso que realzará a romaxe. Finalmente, Novo Martínez destacou que un dos obxectivos principais é promover turisticamente O Vicedo e "esta festa permite mostrar a espectacular beleza dunha parte do noso municipio". Neste sentido, Nava Castro comentou "que a Romaxe Viquinga contribúe a uns importantísimos datos turísticos na comarca da Mariña de Lugo".
O día principal da Romaxe será o sábado 29 de xullo. O desembarco na praia de Area Grande (San Román) producirase sobre as 12:30h. A continuación, desenvolverase o espectáculo matinal a cargo de Queiman e Pousa, coa colaboración dos cabaleiros do Vicedo e outros voluntarios. "Haberá un espectáculo máis vistoso, con máis cabalos, máis participación local, integrada na representación", comentou Queiman. Engadiu que "co asesoramento do arqueólogo Iñaki Sagreso se fará unha recreación para mostrar a vida dos pobos viquingos". O propio Sagreso afirmou que "hai intención de seguir investigando e demostrando que esta era unha zona de paso dos pobos normandos nas súas rutas cara ás Rías Baixas".
Pola tarde, realizaranse obradoiros, demostracións de loita e actividades infantís na zona do "Campamento", situada na área oeste da praia. Ademais, este ano instalaranse dúas zonas de "mercado viquingo", onde se poderá adquirir artesanía, así como comida e bebida.
Na noite do sábado, a actuación de Milson's poñerá o broche final da Romaxe Viquinga. O grupo, de ampla traxectoria internacional no mundo folk, mestura o legado tradicional como as cantigas mariñeiras e os contos de taberna con ritmos e melodías actuais. Milson's traerá á zona leste do areal coa súa orixinal proposta sonora e visual.
Cartel II Romaxe Viquinga
Hoxe deuse a coñecer o gañador do concurso de debuxo infantil "Cartel da Romaxe Viquinga", que ten o privilexio de ilustrar o cartel desta edición. A premiada foi Ana González Fra, de 9 anos, alumna do Colexio de Primaria do Vicedo. O debuxo mostra a visión da Romaxe Viquinga desde a óptica dunha nena con dous guerreiros con traxes de guerra, escudos e armas, imitando dalgunha maneira á zona de campamentos da festa.