Ribadeo acollerá unha charla sobre o mundo Wikimedia o 21 de febreiro

O día 21 de febreiro, venres, ás cinco e media da tarde a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo, acollerá o evento titulado Soberanía Dixital II: Mundo Wikimedia, comunidade de todos para todos. “Unha actividade pensada para achegar ó público en xeral ó universo das wiki da familia Wikimedia. Esta charla e posterior coloquio é parte do ciclo de actividades que se desenvolverán ó longo de 2025, impulsadas por amarinha.gal, nos locais da biblioteca ribadense, solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas actividades; neste caso co obxectivo de difundir o coñecemento e posibilidades de proxectos como Wikipedia, Wikidata e moitos outros, e en contacto con Wikimedia España”, explican os organizadores.

Tamén explican que este evento “incluirá unha presentación, seguida dunha rolda de preguntas e algún exemplo práctico no que se explorarán proxectos Wikimedia, tanto nas súas vertentes de procura e obtención de información como de edición. Como complemento, disporase dun fanzine en galego de 8 páxinas en formato A5, con artigos relacionados cos temas tratados na xornada. Portada e contraportada estarán dedicadas en particular á Galipedia (a Wikipedia en galego). Asemade, disporase de material promocional. A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas interesadas en explorar ferramentas colaborativas e coñecemento libre”.