Ribadeo acollerá do 9 ao 29 de xullo unha concentración da selección de baloncesto U18 feminina. No pavillón municipal España enfrontarase a Hungría, Croacia e Polonia nun Torneo Internacional preparatorio para o Campionato de Europa do 18 ao 20 de xullo.
Ata Ribadeo se desprazaron representantes das Federacións Española e Galega de Baloncesto: Julio Bernárdez, presidente da FEGABA, Susana Fernández, directora xeral da FEGABA, José Ignacio Hernández, director deportivo da FEB, e Nacho Jiménez, coordinador de seleccións da FEB. No Concello mantiveron un encontro co alcalde, Dani Vega, co concelleiro e co técnico de Deportes, Francisco José Silvent e Iván López, e co presidente do CB Ría de Ribadeo, José Ramón Vázquez.
Silvent comentou que “estamos encantados de volver traer baloncesto de primeiro nivel a Ribadeo, un deporte que levanta paixóns nesta vila, que conta cunha longa tradición na súa práctica”.
O edil de Deportes lembrou que “o Río Breogán iniciou a súa pretempada o pasado mes de agosto en Ribadeo, e aquí disputou o Trofeo Concello de Ribadeo fronte ao FC Porto”.
Francisco José Silvent sinalou que “queremos seguir acollendo a equipos de primeiro nivel e organizando eventos deportivos que acheguen os seus valores ás nenas, aos nenos e á mocidade ribadense e que atraian xente á nosa vila”.
E tivo palabras de agradecemento para a FEB e a FEGABA: “agradecémoslle á FEB e á FEGABA a súa confianza e o seu apoio para que Ribadeo acolla esa concentración da selección feminina U18 en xullo e que se dispute aquí un Torneo Internacional. E moitas grazas tamén ao CB Ría de Ribadeo pola súa colaboración. Entre todos seguiremos a traballar para que outros eventos de baloncesto se poidan celebrar en Ribadeo. Contamos con instalacións e con afección”.