O Concello de Ribadeo, ABANCA e Afundación (a Obra Social de ABANCA) inauguraron este mércores, día 27 de novembro, a mostra «Castelao grafista (facsímile)». Permanecerá aberta ata o 28 de decembro na Sala de Exposicións da Oficina de Turismo de Ribadeo, de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Afundación explica que “ao acto asistiron o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; a concelleira de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra; a concelleira de Recursos Humanos, Seguridade e Atención Cidadá, Montse Seijo; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; o director da oficina de ABANCA en Ribadeo, Ángel Luis Macía; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano”.
Tamén indica que “esta mostra está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación. Tamén se enmarca na iniciativa «Cultura por alimentos», que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra. A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. O seu interese pola palabra e pola imaxe consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbumes de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936”.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida, de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.