
O deputado provincial de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, inaugurou este xoves no CENIMA de Foz as exposicións Proximidade Llunyana e 113+, dous proxectos artísticos da Rede Museística Provincial que exploran a diversidade, a memoria migratoria e a
convivencia, visibilizando historias que conectan o pasado co presente. As exposicións permanecerán en Foz ata finais de abril.
No acto participaron o alcalde de Foz, Fran Cajoto; a
concelleira de Cultura, Inés López Couto, e a xerente da Rede Museística, Encarna Lago.
Daniel García subliñou “a traxectoria dos museos provinciais no traballo da interculturalidade con diferentes proxectos ao longo dos anos” e valorou “a oportunidade que as exposicións ofrecen para achegarse a migración desde unha perspectiva humana e comprometida coa defensa dos dereitos humanos”.
Proximidade Llunyana é “unha homenaxe ás mulleres da provincia que, no pasado, emigraron a Barcelona en busca dun futuro mellor. A través de cartas, fotografías e obxectos persoais, esta exposición reconstrúe as súas historias, poñendo en valor a maleta como símbolo da memoria e do sacrificio. Un diálogo entre xeracións que conecta o pasado migratorio de Galicia coa realidade actual”.
E a mostra 113+ é “un proxecto artístico da fotógrafa Evelin Ruiz Crego que documenta a riqueza cultural de Lugo, onde conviven persoas de máis de 113 nacionalidades. A exposición, creada en colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo, presenta retratos fusionados con obxectos simbólicos que representan a identidade das persoas participantes, abrindo un diálogo sobre a migración e a convivencia”.