A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense actuará o vindeiro sábado, 8 de setembro, no Cantón dos Moreno. Será ás 11 da mañá. A formación acompañará tamén ás autoridades desde o Concello ata a igrexa parroquial, onde se celebrará a misa da Patroa, que será cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo. Ao remate da misa e antes da saída da procesión a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretará unha peza na honra de Santa María do Campo. A continuación será a procesión acompañada pola Banda Municipal de Música de Ribadeo, que ofrecerá tamén un concerto diante do Concello.
Para o presidente da comisión de festas de Ribadeo, Juan José Otero, “é unha honra poder contar coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense en Ribadeo. Queremos agradecer o apoio da Xunta de Galicia para que isto fose posible, así como a colaboración que nos prestan para que estas festas sexan unha realidade. Tamén agradecemos a participación de Acisa Ribadeo na xornada de xogos para os máis pequenos e pequenas que teremos mañá no Cantón. No caso de que o tempo non acompañe esta actividade trasladarase ao pavillón do colexio Gregorio Sanz. E no capítulo de agradecementos tamén está o Concello de Ribadeo, tanto pola achega económica que lle aporta a esta comisión como polos medios materiais e humanos que pon á nosa disposición para un bo desenvolvemento destes festexos”.
Otero tamén quere agradecer “as achegas do empresariado ribadense e dos veciños e das veciñas de Ribadeo. Toda cantidade por pequena que sexa é moi importante para nós”. A comisión de festas de Ribadeo non se esquece “das persoas que colaboraron con nós para poder chegar aos domicilios de Ribadeo. Foron Cani, Neni, Mar, Begoña, Rocío e Íker. Moitas grazas polo seu traballo e polo seu apoio”.
A primeira verbena das festas patronais ribadenses terá lugar hoxe, mércores, a partir das 22:30 horas e estará amenizada pola orquestra Los Satélites.
O xoves, día 6, ás 16:00 horas haberá teatro en inglés para nenos: Storytime Under the sea by Kids&Us Ribadeo. Ás catro e media da tarde comezarán as actividades do Parque Diverneno, con inchables, festa da escuma e máis actividades. A verbena dese día comezará ás 22:30 horas e contará coa actuación da orquestra Marbella.
O venres 7, véspera do día da patroa, ás 11:30 horas saíran os cocos e cabezudos acompañados do grupo folclórico Amigos da Gaita. A partir das 22:30 horas haberá verbena coas orquestras Gran Parada e Ritmo Joven. E ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.
O sábado 8, día da patroa, ao marxe das actividades comentadas ás 22:30 horas empezará a verbena amenizada polas orquestras Gran Casino e Ibiza.
As festas patronais ribadenses seguirán o domingo 9 coa verbena que comezará as dez e media da noite e contará coas actuacións das orquestras La Favorita e Fénix. Xa o luns 10 será o día dos nenos, que gozarán de prezos especiais nas atraccións.