A programación de Nadal do Concello de Foz inclúe actividades como a visita de Papá Noel, a cabalgata dos Reis Magos, actuacións musicais, teatro e unha festa infantil.
Mañá, venres, de 12:00 a 13:00 horas na casiña de Papá Noel situada diante da Casa do Concello haberá elfos para recoller as cartas dos nenos e nenas. Ese mesmo día ás 20:30 horas na Sala Bahía terá lugar un festival de Nadal da Escola de Música de Foz
O sábado 22 de 12:00 a 13:00 horas na casiña de Papá Noel situada diante da Casa do Concello, volverá a haber elfos para recoller as cartas dos nenos e nenas. Ese mesmo día de 17:00 a 20:00 horas na Sala Bahía haberá unha festa infantil con inchables, talleres e xogos populares gratuítos para todos os nenos e nenas, con chocolatada a cargo de O Feitizo. E ás 17:00 horas no pavillón de Marzán terá lugar o primeiro trofeo kata infantil a cargo de Karate Shyto Ruy A Mariña.
O luns 24, día de Noiteboa, celebrarase a cabalgata de Papá Noel, que sairá ás doce do mediodía desde a Casa da Cultura que irá ata o Concello, onde recibirá a tódolos nenos e nenas. O mesmo día 24 ás doce do mediodía na Avenida da Mariña haberá un concerto de panxoliñas a cargo de alumnos e alumnas da Escola de Música de Foz. E ás 16:30 horas na praza Rosalía de Castro empezarán as probas da terceira Carreira Popular de Nadal Run Foz Run.
O martes 25, día de Nadal, a Banda de Música de Foz ofrecerá o seu concerto tradicional destas datas. Será na igrexa parroquial ás 20:30 horas.
O día 27, xoves, ás 20:00 horas na Casa da Cultura proxectarase unha curtametraxe titulada Mans salgadas e realizada por alumnos e alumnas do IES de Foz.
O venres 28 o CENIMA acollerá o Planetario Ciencia Kids Fulldome Space de 10:30 a 13:30 horas. É unha actividade gratuíta para nenos, nenas e rapaces, que poderán entrar nun planetario con proxección do universo a través dun sistema fulldome, que logra unha sensación única de inmersión. Está subvencionada pola Deputación de Lugo.
O sábado 29 ás 18:30 horas haberá teatro infantil na Sala Bahía. A compañía Expresión Produccións ofrecerá o espectáculo de maxia cómica Trío de ases. O prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e nenas e de 2,5 euros para os adultos.
O luns 31 rematará a programación cultural do Concello de Foz para este ano cun concerto de panxoliñas na rúa. Será na Avenida da Mariña ás doce do mediodía.
E o 5 de xaneiro, sábado, celebrarase a Cabalgata de Reis, con saída da praia da Rapadoira para percorrer as rúas da vila ata o belén vivinte que estará na Casa do Concello. Os Reis Magos recibirán aos nenos e nenas na Sala Bahía, onde haberá inchables, churros con chocolate e roscón de Reis. Para poder facer o percorrido cos Reis nas carrozas os nenos e nenas interesados deberán anotarse previamente na Delegación de Cultura do Concello de Foz do 2 ao 4 de xaneiro ou ata cubrir as prazas dispoñibles; e deberán ir vestidos de pastores ou co traxe rexional.