O Concello de Viveiro anuncia a celebración no municipio de diferentes eventos culturais, entre os que se atopan as Feiras do Libro e de Artesanía. Ademais, o goberno local, que dirixe María Loureiro, está a preparar unha extensa programación cultural para este verán, que incluirá a actuación de Guadi Galego.
"Apostamos pola cultura segura ao aire libre, organizando espectáculos no casco histórico, Celeiro ou Covas, e axudando ademais aos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalería", explica a alcaldesa de Viveiro.
Dunha banda, entre o 13 ao 22 de agosto, Viveiro acollerá a XXXVII Feira de Artesanía nos Xardíns Noriega Varela, que inclúe a numerosos profesionais deste eido.
Tamén no mes de agosto, os Xardíns Noriega Varela recibirán á Feira do Libro, que, como noutras edicións, traerán a Viveiro unha ampla oferta cultural e encontros cos escritores e escritoras.
Doutra banda, o Concello de Viveiro prepara unha ambiciosa programación cultural, con máis de 20 actividades programadas entre xullo e setembro. Entre estes eventos, o goberno local adianta que se incluirán contacontos, maxia, actuacións da Banda Municipal de Música e concertos.
“Este ano queremos deslocalizar as actividades culturais, antes sempre celebradas no centro histórico. Deste modo, levaremos a cultura a diferentes espazos de Viveiro, para darlle pulo a outras zonas como Celeiro ou Covas”, subliña Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura de Viveiro.
Entre a ampla oferta cultural, destaca o concerto da cantante Guadi Galego, que visitará Viveiro no marco da xira do seu álbum “Costuras”.
"Anunciaremos proximamente todos os detalles da axenda cultural destes meses, cuxas actividades serán con reserva previa e cun estrito control das normas de prevención da COVID-19", engade María Loureiro.