As primeiras Xornadas da Cabala terán lugar en Ribadeo do 17 ao 19 de maio. Están organizadas por Acisa coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela

As primeiras Xornadas da Cabala terán lugar en Ribadeo do 17 ao 19 de maio. Están organizadas por Acisa Ribadeo coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela. Na cita gastronómica participan 21 locais hostaleiros. 

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “do 17 ao 19 de maio terán lugar as primeiras Xornadas da Cabala de Burela nas que participarán 21 locais hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe capturado polos barcos do porto burelés. Grazas á colaboración da OPP-7 do Porto de  Burela puidemos desde Acisa organizar estas novas xornadas. A OPP facilítanos de forma gratuíta preto de 90 quilos de cabala que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que participan nesta nova cita gastronómica sen ningún tipo de custe para eles”.

Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “esta é xa a terceira vez que desde Acisa regalamos materia prima para a elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Isto marca unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos, que iniciou a actual directiva coas xornadas da lura e as da merluza de Burela e que segue agora coa cabala. Ademais trátase dunha achega importante: aportamos aos locais unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Os bares van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto de tempada como é a cabala ou xarda”. 

Carmen Cruzado dixo que “as diferentes elaboracións poderán atoparse nas redes sociais de Acisa a longo da vindeira semana, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada local. Son 21 establecementos, tanto de Ribadeo vila, do porto, como de Rinlo, co que deste xeito espallamos esta cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados e asociadas de hostalería”. 

Pérez Prada manifestou que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e axudar á dinamización do sector hostaleiro nesta data tan especial que coincide coa celebración das Letras Galegas, ofrecendo unha alternativa aos ribadenses e á veciñanza doutras localidades da Mariña e do Occidente asturiano a quedarse ou a vir a Ribadeo a disfrutar dunha proposta gastronómica diferente. Agardamos desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo”. 

Cruzado Iglesias engadiu: “queremos tamén contribuír á concienciación da importancia de consumir peixe, por saúde e por sabor. E si é peixe do Porto de Burela, moito mellor. O aporte de Omega 3 da cabala é un dos máis elevados nun peixe azul. Desde Acisa queremos agradecer a colaboración e o apoio da OPP-7 para poder organizar estas novas xornadas gastronómicas en Ribadeo e así facilitarlles parte do produto aos locais participantes. As da pescada, que fixemos en novembro, tiveron unha moi boa acollida, que agardamos repetir nesta ocasión coa cabala ou xarda”.

Os locais participantes son: Queimada, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo, La Quinta, A Horta de San Roque, O Indiano, La Solana, A Mirandilla, La Bugalla, Javier Montero, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Cayo Coco, Costa Verde, A Menchina, La Flor de Jose, Kalpa Amodiño, Mesón D´Cata, Mareta e Barallocas.