Hoxe foi presentado o cartel do VII Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa e que terá lugar do 8 ao 10 de xullo.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “presentamos hoxe a imaxe da nova edición do Ribadeo Indiano, na que levamos traballando dende hai varios meses coa ilusión dos primeiros momentos, para seguir espallando polo mundo adiante o que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán”.
A edil de Cultura, Pilar Otero, explicou que “esta VII edición, dedicada á muller, que terá os seus días fortes durante a fin de semana do 8 ao 10 de xullo, vén cargada de propostas diferentes para facer que o Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor. Xa dende o fin de semana anterior, nas tradicionais antevésperas e vésperas, comezaremos a gozar do ambiente indiano”.
Vizoso Galdo engadiu: “prestade atención xa que iremos ampliando a información do Ribadeo Indiano na súa páxina web (https://indiano.ribadeo.org/) e nas diferentes redes sociais”.
No acto de presentación do cartel do VII Ribadeo Indiano participaron o alcalde, Fernando Suárez, o presidente en funcións de Acisa, Francisco Iriarte, o xerente da asociación empresarial ribadense, Jesús Pérez, e os concelleiros de Turismo, Cultura, Medio Ambiente e Medio Rural, Pablo Vizoso, Pilar Otero, Jorge Díaz e Marcos Villamil.